Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 11/09/2023 | Actualizada ás 19:43
CIG, Comisiones Obreras e UGT convocaron mobilizacións durante as próximas semanas para demandar a negociación dun novo convenio para os traballadores da sanidade privada na provincia da Coruña que recolla melloras salariais e xornadas "xustas".
A primeira protesta terá lugar o próximo 20 de setembro fronte ao hospital Quirón da Coruña, á que seguirá, unha semana despois, outra sinalada para o 27 de setembro ante A Rosaleda, en Santiago.
As mobilizacións continuarán a primeira semana de outubro cunha protesta o 4 de outubro no Juan Cardona de Ferrol e pecharanse o 11 de outubro no HM Modelo da cidade herculina.
Con este calendario, os tres sindicatos maioritarios en Galicia pretenden reclamar á patronal que se abra a acordar cuestións como a redución do número de horas de xornada anual, a actualización de táboas salariais ou a remuneración dos domingos traballados.
Acusan á parte empresarial de responder a estas demandas expostas na mesa de negociación aberta a finais de 2022 cunha proposta de "perda de dereitos" nos trienios e nos salarios "cando están de baixa".
Segundo explicou o representante de sanidade privada da CIG, Miguel Tizón, trátase dun sector "moi feminizado, tal e como ocorre, en xeral, no sector de coidados", polo que "as máis prexudicadas" son as traballadoras de postos como auxiliar, limpeza ou enfermaría.
Sosteñen que as táboas salariais do convenio "nin sequera" están actualizadas ao SMI, o que deriva, mesmo, en problemas para as propias empresas á hora de atopar persoal.
Esta situación laboral ten, como remarcou Tizón, consecuencias nos usuarios, algúns dos cales, proceden derivados da sanidade pública a través de concertos con estes centros, aos que se suman aqueles que teñen contratados seguros ou mutuas.
"Se as e os profesionais que teñen que garantir este servizo non teñen unha remuneración e condicións de traballo dignas, dificilmente esas empresas poden garantir unha atención idónea que se corresponda co que están a pagar", apuntou Tizón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.