A Delegación do Goberno, dirixida polo sindicalista Pedro Blanco, prohíbe manifestarse aos bombeiros

Estes profesionais tiñan pensado realizar unha manifestación durante a Reunión Informal de Ministros de Economía da Unión Europea en Santiago.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/09/2023 | Actualizada ás 10:17

Comparte esta noticia

O Comité de Folga dos Consorcios Provinciais de Extinción de Incendios e Salvamento de Galicia, tivo que renunciar a realizar unha manifestación polas rúas de Santiago ante a negativa dada pola Delegación do Goberno, da que é titular o sindicalista da UGT Pedro Blanco Lobeiras. O motivo, a coincidencia coa Reunión Informal de Ministros de Economía da Unión Europea en Santiago.

Antidisturbios da Policía durante a protesta de bombeiros de consorcios provinciais ao tentar colocar unha pancarta ante a sede da Xunta
Antidisturbios da Policía durante a protesta de bombeiros de consorcios provinciais ao tentar colocar unha pancarta ante a sede da Xunta | Fonte: L. Carlos Castro - Europa Press

Estes máis de 500 profesionais que levan meses de mobilizacións tiveron que modificar esta convocatoria pola dunha concentración que terá lugar os próximos días 15 e 16 na capital galega.

Os traballadores, que notificaron en tempo e forma por vía telemática a súa intención de manifestarse polas rúas de Compostela, terminando o percorrido na Cidade da Cultura (espazo no que terá lugar o cumio da UE), recibiron unha comunicación telefónica informal da Subdelegación do Goberno en Santiago de Compostela, indicando que o exercicio do dereito fundamental a manifestarse, recollido na Constitución Española, éralles denegado.

Con todo a día de hoxe, no Comité de Folga, non teñen contestación oficial respecto diso e por tanto entenden que o silencio administrativo neste caso (que resulta estimatorio) segue vixente, polo que a mobilización segue en pé, variando a postura inicial, que era de manifestación a concentración.

Este movemento sindical, é o primeiro dos moitos que o colectivo espera ter que dar, á vista da difícil situación que atravesa o sector os Bombeiros de Galicia, que levan en folga desde o día 15 de xuño e enfrontados con Xunta e deputacións polo peche de diferentes centros de traballo.

REACCIÓN DA XUNTA

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, trasladou a súa confianza en que poida existir, de cara ás reunións convocadas esta semana entre as partes, un acordo que poña fin á folga de bombeiros comarcais.

A preguntas dos xornalistas, delegou a resolución deste asunto nos consorcios que xestionan estes parques. "É unha competencia dos concellos de máis de 20.000 habitantes e dos de menos de 20.000 son as deputacións as que teñen que levar a cabo estas funcións".

"A Xunta está a colaborar, formamos parte dos consorcios e achegamos unha partida importante, case o 50%, para que o servizo funcione", apostilou. Ademais, recalcou que deputacións e Xunta fixeron unha "proposta" aos bombeiros "que nun principio foi aceptada e logo rexeitada", sentenciou.

"Espero que se poida chegar a un acordo", apostilou Calvo, para quen "habería que analizar moitos asuntos e ver a porcentaxe de absentismo nalgúns parques". "Espero que a proposta se poida aceptar e solucionar canto antes", apostilou ao aludir á feita por algún consorcio.

Pola súa banda, o comité de folga dos consorcios provinciais informou da súa intención de convocar concentracións en Santiago de Compostela os días 15 e 16 de setembro, coincidindo coa reunión informal de ministros de Economía da Unión Europea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta