Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 14/09/2023 | Actualizada ás 19:04
O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, e a presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense, Marisol Nóvoa, acordaron seguir colaborando para fomentar a internacionalización das empresas da provincia. Luís Menor e Marisol Novóa reuníronse nun encontro do que informou a institución provincial nun comunicado e no que tamén participou a vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Novóa.
Na cita, repasaron os programas nos que colaboran ambas as entidades, entre eles o plan Exporta, para promover a internacionalización das empresas, un dos eixos de traballo que seguirán en activo. Tamén abordaron, entre outros asuntos, o programa Reactiva Ourense, que ten como obxectivo atopar traballo ás persoas desempregadas maiores de 45 anos que perdesen o seu posto de traballo durante a crise económica derivada da pandemia.
Outro asunto foi a organización dunha nova gala, na que xa traballa a CEO, para pór en valor ante a sociedade o labor que realiza o empresariado ourensán, iniciativa na que tamén colaborará a Deputación. Luís Menor felicitou á presidenta da Confederación Empresarial pola súa reelección para o cargo o pasado mes de xuño, e comprometeuse a visitar en próximas datas a sede empresarial para seguir profundando en novos proxectos.
Tamén este xoves o presidente da Deputación de Ourense recibiu no Pazo Provincial ao alcalde de Baltar, José Antonio Feijóo, no marco da rolda de contactos que mantén cos rexedores da provincia. Na cita, estudaron vías de colaboración para servizos sociais, infraestruturas e cultura na localidade. Por último, conforme detallou a Deputación noutro comunicado, Luís Menor supervisou os traballos que se realizan na estrada provincial que atravesa Monterrei, aos que a institución provincial destina 200.000 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.