Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/09/2023 | Actualizada ás 11:13
"Hoxe, 18 de setembro de 2023, presentei a miña dimisión como Director Xeral da Editorial Galaxia onde entendín que non podo continuar despois de que a empresa, a través do seu Presidente e Conselleiro Delegado, se negasen reiteradamente durante os últimos dez días a emitir un comunicado que desarmase as acusacións contra a Editorial publicadas no xornal Praza Pública no contexto dunha entrevista cun dos nosos autores". Así comeza o comunicado de Francisco Castro, ata agora, director xeral de Galaxia.
Castro deixa a editorial porque, di, "non ten sentido permanecer á fronte dunha empresa que decide moi conscientemente non defender en tempo e forma a súa imaxe ata agora impecable, o seu enorme prestixio e, sobre todo, a honorabilidade e dignidade do traballo das demais empregadas e empregados, publicamente cuestionadas".
Faino logo dunha fonda polémica nas redes sociais creada a raíz dunha entrevista do escritor Alberto Ramos no xornal Praza e que deu lugar a un cruce de graves acusacións entre distintos autores e autoras nas redes sociais e unha grave crise interna en Galaxia, tal e como xa contou nunha extensa información Galicia Confidencial.
NON RESPECTAR A SÚA IDEOLOXÍA POLÍTICA
Castro di que marcha por non sentirse protexido por parte da súa empresa, "mais de xeito especialmente virulento nos últimos días", e que tamén afeou nos seus órganos de xestión aspectos vencellados coa súa faceta artística, a súa vida persoal e as súas actividades privadas. E, neste sentido, apunta directamente a súa "ideoloxía política publicamente recoñecida mesmo con anterioridade ao meu nomeamento como Director Xeral".
"Galaxia é moito máis que as persoas que a lideran. É un soño colectivo iniciado en 1950 por un monllo de loitadores e loitadoras antifascistas que consideraron que a cultura podía ser unha inigualable munición contra o totalitarismo, e que, ademais, puxeron ese nobre obxectivo por diante dos seus intereses persoais", asegura.
"Se eses valores se esquecen e se cuestionan desde o propio corazón da empresa, non ten sentido que eu me manteña á súa fronte, e quizais a mellor maneira de loitar por eles sexa preservar todo iso que está na esencia de quen eu son e que tanto semella molestar: un escritor e un activista da nosa cultura que seguirei defendendo o ideario fundacional de Galaxia alí onde a vida me leve", asegura. "De momento, toca non facelo desde un posto de responsabilidade nunha editorial que sempre considerarei a miña casa, pois os proxectos nobres e as institucións culturais permanecen, mentres que as persoas pasan", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.