O Hospital Clínico de Santiago realiza a primeira cesárea coa nai acompañada

Foi unha parella de Santa Comba que tiveron unha nena ás 10:37 da mañá.

Por E.P. | Santiago | 20/09/2023 | Actualizada ás 16:47

Comparte esta noticia

O Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela realizou este mércores, 20 de setembro, o primeiro parto por cesárea programada no que a nai puido estar acompañada. Nesta ocasión, foi o pai da pequena Aylen, que naceu ás 10,37 horas da mañá.

Alba e Fabio son unha parella de Santa Comba que se mostran "felices e emocionados de poder estar os dous coa súa filla desde o primeiro momento e durante a recuperación do parto". Ambos, segundo informa o Hospital Clínico nun comunicado, agradeceron "o labor de todo o equipo que asistiu ao nacemento": facultativos do servizo de Obstetricia, matronas, anestesista e neonatólogo.

Pola súa banda, a nai dixo sentirse "moi contenta de poder estar acompañada", mentres que o pai destacou que "foi algo inesquecible" e "bonito". "Vivimos momentos emotivos no quirófano de partos, pois non só emocionámonos nós, tamén os profesionais", engadiu.

Patricia Penas e Mariña Sánchez Andrade, obstetras que realizaron a cesárea, manifestaron, tras recalcar que os protagonistas son Alba, Aylen e Fabio, que é un día gratificante e satisfactorio: "É o broche a un traballo de moita xente, dun equipo multidisciplinar".

Neste contexto, ambas as sanitarias destacan desta medida que ten "beneficios para o apego, a lactación e permite á paciente estar máis tranquila e máis contenta". Nesta primeira experiencia, a presenza do acompañante "non interferiu", xa que "o pai estivo na cabeceira da cama, ao carón da nai da súa filla".

A posibilidade de ter acompañante durante a cesárea débese á aprobación este mes, por parte da Xerencia da área Sanitaria de Santiago-Barbanza, dun protocolo que permite á nai estar con quen ela decida durante o proceso e non separarse do neonato en ningún momento, como xa se facía no parto vaginal.

Para a xerente da área, Eloína Núñez, é un motivo de "satisfacción" poder ofrecer esa opción ás mulleres para que poidan "contar co apoio dos seus seres queridos durante este momento tan especial". Así, subliñou o seu compromiso con "ofrecer unha atención de calidade e humanizada" ás pacientes, "e esta iniciativa é un paso máis".

Aba e Fabio, unha parella de Santa Comba (A Coruña) tras o nacemento da súa filla, Aylen, no primeiro parto por cesárea no Hospital Clínico de Santiago de Compostela no que a nai puido estar acompañada.. CHUS
Aba e Fabio, unha parella de Santa Comba (A Coruña) tras o nacemento da súa filla, Aylen, no primeiro parto por cesárea no Hospital Clínico de Santiago de Compostela no que a nai puido estar acompañada.. CHUS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta