Hai pouco un amigo de sempre, envioume unha queixa, formulada atraveso da letra dunha música sobre o funcionamento da democracia hoxe. Respondinlle, ... o sistema onde parecía que todo estaba inventado, non é así. Precisa de moita atención e non delegar permanentemente na representación elixida... A corrupción non rematará só co queixume. Hai que combatela.
Pareceume un asunto interesante porque existen causas estruturais e con fondura dabondo que subxacen ao fenómeno contemporáneo da desafección democrática. As eleccións por si mesmas non van amañar o que está a acontecer. É máis, en moitos casos, poden axudar ao confusionismo como está a pasar logo das últimas eleccións no Estado Español. As eleccións lonxe de ser consideradas o instrumento democrático por excelencia non están a cumprir hoxe e de maneira automática a confianza depositada nelas. As primeiras experiencias do sufraxio universal supuxeron unha festa, logo chegamos a unha cegueira pasaxeira na que instalaron, de novo, inxustizas e desigualdades no pobo e agora atopamos nunha especie de delirio desde a perspectiva de clase, nacional e internacional.
Sen dúbida o feito electoral seguirá a xogar un papel necesario na súa función reguladora para tratar de amañar os conflitos de maneira pacífica e, polo tanto, a consulta o electorado, seguirá a ser algo imprescindible. Agora ben, é necesario precisar que na interpretación dos resultados, o feito aritmético non sempre vai ser resolutivo para construír os acordos.
Ninguén pon en cuestión que 136 é maior que 122. Mais isto non é suficiente para atopar saída as expectativas democráticas insatisfeitas doutros representantes e, polo tanto, cos seus votantes. É por iso que hoxe estamos achegándonos, queirámolo ou non, a unha acción postelectoral que deberemos ter en conta. Ninguén dúbida que o acto electoral ten trazos complexos no seu desenvolvemento o que esixe que deberemos telo en conta no tempo de ser consultados para elixir a nosa representación.
Os programas partidarios, que algunha vez foron o centro das campañas electorais dos partidos, hoxe non teñen utilidade. O elo entre o momento da elección e o tempo da acción gobernamental, non existe.
É urxente que a democracia, de elixir só unha representación, debe transformarse nunha democracia de dar contas do que se vai a facer con dita representación. Dáme igual que o Presidente dun goberno sexa elixido directamente ou polo Parlamento, a democracia na actualidade debe fuxir da "presidencialización". O problema é que unha soa persoa, o xefe do Executivo ou de calquera Institución, organización social ou política, non debe ter un carácter representativo exclusivo, en tanto que a representación supón, por definición, a manifestación dunha pluralidade. O mellor remedio para combater o populismo é ter este concepto moi clarificado e debera ser de obrigado cumprimento.
O desencanto democrático é un feito. A historia está chea de promesas incumpridas e ideais traizoados, sendo aplicábel tanto no caso dos 136 como dos 122, e en moitos outros. Non abonda coa denuncia, nin con laiarse. Debemos ter ánimo para preguntármonos como superalo? Necesitamos un diagnóstico axeitado, rastrexar nas mellores solucións e presentalas.
Neste contexto e mirando o espello retrovisor (manteño a desconfianza cos dous candidatos con posibilidade de chegar a gobernar), e non conformo co mal menor.
A democracia. aínda cos seus desaxustes, pode atopar solucións a asuntos de moita complexidade. A simplicidade só existe no populismo, na ditadura e no cesarismo.
Para min, o principal asunto que debe afrontar a democracia hoxe é concretar as calidades que agardamos de calquera representación e as regras positivas que organizan as súas relacións cos representados.