Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2023 | Actualizada ás 14:07
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, deu por feito que o Goberno "vai rectificar" a idea de priorizar o catalán fronte ao eúscaro e galego nas institucións europeas, tal e como transcendeu horas despois de que inicialmente se comunicase esta postura. Neste sentido, a líder nacionalista avisou de que o BNG "non vai aceptar ningún trato de segunda" e esixe que "todas as linguas do Estado teñan o mesmo recoñecemento". Por iso, afeou ao PP a súa postura no Congreso, posto que "pon paus nas rodas" á implantación en Bruxelas.
"O galego non é mellor que ningunha lingua, pero tampouco peor", manifestou Pontón, quen sinalou que era "equivocada" a decisión de priorizar o catalán para axilizar a posta en marcha da incorporación das linguas cooficiais en territorios do Estado, aínda que observou que "a van a rectificar". En todo caso, lamentou que o PP "vote en contra de que se oficialice" no Congreso dos Deputados, porque "como se vai a defender en Europa" a implantación das linguas "se o PP está a pór paus nas rodas ao recoñecemento" no propio Estado. Pontón reiterou que o Bloque vai traer ao Parlamento autonómico unha iniciativa para que se "avance no recoñecemento" do idioma galego en todos os ámbitos e traballará para que haxa un "consenso unánime".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.