Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2023 | Actualizada ás 15:11
O debate de dúas mocións impulsadas polo BNG e o PSdeG nas que piden investigar as denuncias de filtracións de inspeccións nas residencias de maiores estivo marcada pola rifa entre a oposición e a deputada do PPdeG Raquel Arias, quen espetou que "non é decente vir pedir máis servizos e recursos" á Xunta mentres lles parece "chachi que lles dean" unha condonación de débeda "aos cataláns, que llo sacan aos españois".
O debate trae causa da interpelación que a semana pasada o deputado Iago Tabarés (BNG) e a parlamentaria Marina Ortega (PSOE) formularon á Xunta por mor da denuncia da asociación de inspectores sobre "filtracións" das revisións destes funcionarios, o que lles permitía aos centros emendar cuestións antes de que acudisen a levantar acta.
"Transparencia, respecto e dignidade aos maiores", reclamou o deputado do Bloque, quen na súa segunda quenda elevou a unha cuestión de "dignidade" do Parlamento na defensa do sistema de residencias --usuarios, familias, etc.-- e quen afeou a Arias que empregase á tribuna de "espazo promocional" sacando á palestra "Bildu", Cataluña e ata --dixo dubidar-- o "documental de Évole" (en referencia á peza sobre o terrorista de ETA Josu Tenreira).
Pola súa banda, a deputada socialista Marina Ortega acusou aos populares de que "teñen a cara de vir aquí a chamar mentireiros aos inspectores" e concluíu que a negativa da conselleira, Fabiola García, a abrir unha investigación "delátaa". "Empatía e investigación xa", esixiu a deputada ourensá.
ACUDIR Á FISCALÍA
Raquel Arias, que fixo unha defensa da xestión da Xunta e do investimento de "dous de cada tres euros nas persoas", convidou á oposición a levar as probas que teñan á Fiscalía, respecto diso do que Tabarés distinguiu entre denuncia e o resto do proceso xudicial e díxolle que "en canto levanten o segredo" --da documentación solicitada--, efectivamente poraas en mans da Xustiza.
A deputada popular contrapuxo as denuncias dos grupos da oposición á "débeda de 2.500 millóns" do Estado con Galicia en materia de dependencia e chamou a BNG e PSdeG a sumarse á reclamación de que financien o 50 por cento da lei e a que transfira o ingreso mínimo vital (IMV), sen o que, asegurou, a Xunta non pode tramitar a reforma da normativa para facela compatible coa Risga.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.