Por Galicia Confidencial | Allariz | 03/10/2023 | Actualizada ás 09:00
Pinchos elaborados de diferentes e saborosos estilos, menús e pratos para todos os petos e a carne de boi como protagonista. Esta é a proposta que atopará a veciñanza de Allariz e todas aquelas persoas que se acheguen á vila nas XII Xornadas de Carne de Boi.
17 tapas competirán por ser a elixida entre os comensais como a “Mellor Tapa” deste ano na votación popular das persoas que as consuman. Haberá tapas tradicionais, outras que repiten respecto a edicións anteriores, pero tamén tapas novas, sendo o prezo das creacións gastronómicas de 3€. Na modalidade de menús haberá propostas para todos os petos.
Cristina Cid, Alcaldesa de Allariz, referiuse na presentación das xornadas á importancia que ten o proxecto de Carne de Boi para o Concello de Allariz e para a economía local. Neste senso puxo en valor o aproveitamento dos recursos que hai no territorio, e como ese aproveitamento axuda a dinamizar o comercio e a hostalería.
PARTICIPACIÓN E SORTEOS
Para premiar a fidelidade de todas as veciñas e veciños que participan cada ano nestas xornadas, mantense o concurso “Papando no Boi". A primeira persoa, que con tarxeta cidadá, consuma as 17 tapas a concurso de 2023, recibirá como premio directo 100€ para gastar no comercio local.
Ademais haberá sorteo de vales con premios por consumir as tapas. O primeiro será dun vale de 250€ para gastar no comercio e na hostalería local para todas aquelas persoas que completen toda a cartilla de tapas. Tamén se sortearán 3 vales de 60 € para aquelas cartillas que degusten como mínimo 5 tapas.
O sorteo realizarase o sábado 21 de outubro no Mercado da Reserva da Biosfera ás 12:00 h, día no que se darán a coñecer os gañadores ou gañadoras dos premios así como a tapa máis votada nesta edición. As bases do concurso de tapas está na web do concello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.