Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2023 | Actualizada ás 15:19
O servizo de salvamento e socorrismo de Ferrol atendeu un total de 673 incidencias ao longo da tempada de praias, que se estendeu desde o 1 de xullo ao 24 de setembro.
A concelleira de Seguridade, Pamen Pieltain, ofreceu esta mañá o balance dun operativo estival formado por un continxente de 56 persoas que durante eses case tres meses velaron pola seguridade en nove areais: Caranza, A Graza, Penencia, Doniños, San Xurxo, Esmelle, Covas, Santa Comba e Ponzos.
Pieltain destacou o "gran labor" do persoal, cualificándoa de "eficaz" e "impecable". Así, subliñou o carácter leve da inmensa maioría das incidencias, en gran medida consecuencia de "picaduras de escarapote, caídas, cortes e algún traumatismo, todos eles leves".
En total, realizáronse 15 accións de salvamento para "27 persoas que necesitaron a axuda dos socorristas para saír da auga". O incidente máis destacado, lembrou a edil, foi o 20 de agosto, "cando uns bañistas irlandeses tiveron que ser rescatados e asistidos, aínda que non precisaron de atención médica nun centro sanitario".
A concelleira tamén fixo referencia á "temperatura da auga, máis alta do habitual", o que, "unido ás correntes, trouxo unha gran variedade de bioloxía mariña que non adoitamos ter nesta época, como o varamiento dunha balea en Marmadeiro, golfiños varados ou tentando varar, dúas quenllas (un deles un peregrino de 7 metros) e unha gran cantidade de carabelas portuguesas e medusas veleiro que, aínda que adoitan aparecer, non na mesma cantidade que este ano, que foi masiva". Pieltain quixo tamén subliñar o éxito do servizo de actualización dixital do estado das praias, que obtivo este verán máis de 260.000 visualizacións, "cunhas 4.000 visitas diarias".
DOUS CURSOS DE SOCORRISMO
Por último, a responsable de Seguridade do Concello de Ferrol lembrou que este mes de outubro desenvolveranse dous cursos de socorrismo subvencionados pola Mancomunidade, nos que se formarán 50 persoas que deberían paliar a escaseza de persoal que houbo en varios areais da comarca este verán.
No caso das praias da cidade, Pieltain indicou que a intención é incrementar o número de profesionais, chegando "polo menos" a 60, que é "a cifra ideal" para cubrir este servizo nas praias do municipio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.