Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2023 | Actualizada ás 16:04
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, defendeu este sábado que a proposta do seu departamento aos sindicatos de Ensino busca "anticiparse ao futuro", mentres evitou facer máis declaracións sobre a mesa sectorial, que se celebrou durante esta semana con tres encontros entre representantes do departamento autonómico e do profesorado, para "respectar" a negociación.
En declaracións aos medios este sábado nunha visita a un centro escolar en Boqueixón, Rodríguez recoñeceu que "sempre hai cesións por parte de todos os negociadores". En todo caso, sinalou que o obxectivo da Xunta é "planificar o futuro do sistema educativo tendo en conta as previsións demográficas", para seguir sendo "un bo sistema educativo que educa en calidade, en equidade e en igualdade de oportunidades".
Ademais, sinalou que o departamento autonómico tamén quere garantir a estabilidade do profesorado e introducir medidas que "vaian orientadas a mellorar a atención á diversidade".
Segundo a última proposta da Consellería exposta este venres aos sindicatos, que lles trasladará este luns definitivamente, cada alumno cunha discapacidade recoñecida do 33% ou cun grao I de dependencia acreditada, ou cun trastorno grave da conduta acreditada, computará como dúas, mentres que o alumnado cunha discapacidade superior ao 65% ou cun grao II ou III de dependencia computará como tres.
"MAIOR FORMACIÓN" DO PROFESORADO
Este sábado, o conselleiro tamén puxo en valor que as medidas expostas "van enfocadas tamén a premiar o esforzo de formación do profesorado". "Que haxa unha maior formación e que o profesorado polo incremento da súa formación teña un complemento económico, que tamén se apoien cuestións como poden ser os cargos de responsabilidade que asumen os profesores, en definitiva, unha perspectiva integral que busca mellorar o noso sistema e, sobre todo, anticiparnos aos cambios que sabemos que van ocorrer no conxunto de Galicia e, por suposto, no sistema educativo", remarcou.
Así mesmo, subliñou que nunha mesa de negociación "o éxito sempre vai ser de ambas as partes" e quixo "ser tremendamente respectuoso" con esa negociación.
"Na Consellería temos uns representantes, os sindicatos teñen outros representantes e debemos respectar o que aí se negocia e non podemos avanzar fóra da mesa cuestiones que poidan enturbar o desenvolvemento e, o máis importante, a procura dun acordo que sexa bo para o conxunto do sistema, para os alumnos, para o profesorado e, en definitiva, para o conxunto de Galicia", manifestou.
Por iso, insistiu en que sería "unha falta de respecto" pola súa banda facer declaracións ou adoptar decisións fóra dese marco. "Sería romper o clima de negociación que existe e debe existir", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.