O debate da autonomía servirá ao PSdeG para presentar "unha alternativa socialista de progreso"

O portavoz do grupo parlamentario socialista, Luís Álvarez, adiantou que se centrarán na defensa dos servizos públicos, o reforzo da actividade económica, o emprego estable e a recuperación da crise demográfica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2023 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

O portavoz do grupo parlamentario socialista, Luís Álvarez, avanzou que intervirá no debate do estado da autonomía da próxima semana para presentar unha "alternativa de progreso" para Galicia fronte ao "proxecto esgotado e de fin de ciclo persoal" que, asegura, "representan Rueda e o PPdeG".

Ademais, afeou a Rueda que faga do debate "o primeiro mítin dunha longa campaña electoral" e valorou que os galegos "non queren un presidente da Xunta que convide a canas nin vaia a 'pintar a mona' á TVG".

En palabras de Luís Álvarez, os galegos "queren un presidente que xestione e dea solución aos seus problemas". Advertiu tamén que Rueda dá a lexislatura "por esgotada" e demostra a súa "incapacidade para establecer un programa e un proxecto de país".

Así mesmo, lamentou que esta "campaña de promoción persoal" do presidente da Xunta inclúa o intento de "subvertir o Parlamento e convertelo nun estudio para os seus actos de propaganda", polo que o seu obxectivo, apuntou, será "pór a Rueda fronte ao espello e facerlle ver a consecuencia do seu deixamento".

O responsable socialista adiantou tamén que tanto a súa intervención do luns como as propostas de resolución que presentarán a continuación os socialistas galegos centraranse na defensa dos servizos públicos de calidade e o reforzo da actividade económica, o emprego estable e na recuperación da crise demográfica.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez.. PSDEG
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez.. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta