Debate- Pontón apunta un balance da Xunta como "a trituradora do presente e do futuro" de Galicia

Álvarez lamentou que o titular do Goberno galego "non estivo á altura". A Fegamp, en representación dos concellos galegos ausentes no debate, critica que se vaia bonificar "volver ao pasado", cando "as familias tiñan que facerse cargo da atención ás persoas dependentes, no lugar de reforzar un servizo profesional".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2023 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, vaticinou o "cambio imparable" na Xunta que, di, chegará nas próximas eleccións autonómicas e que permitirá facer "unha Galicia en grande" tras anos de "trituradora" de gobernos do Partido Popular en servizos sociais, demografía, industria, emprego ciencia ou de lingua galega.

"Os gobernos do PP déixannos unha Galicia peor", sentenciou Pontón na súa intervención este luns no Debate sobre o estado da autonomía, onde dividiu o seu discurso en, primeiro, unha análise sobre os 14 anos na Xunta do PP que deixan "unha Galicia máis pequena" e, en segundo lugar, enunciar un decálogo sobre os eixos ao redor dos que pivotará, segundo a líder nacionalista, un futuro goberno que, con ela á fronte, porá en marcha "unha Galicia forte", "próspera", "verde", "inclusiva" e "feminista".

Para Pontón, o PP, primeiro con Alberto Núñez Feijóo e máis tarde co "presidente accidental" Alfonso Rueda, presenta un balance de 14 anos sendo "a trituradora do presente e do futuro" de Galicia, que "ten menos sanidade pública", "perde" en educación, "está peor" en benestar social e produce e converxe "menos" en materia económica co resto de Europa e España.

Fronte ao "fracaso" dun PP que "tivo a oportunidade de mellorar a vida das persoas" e de "subir" á comunidade "ao tren do século XXI" pero "non o fixo", Pontón aseverou que quere ser a presidenta dun Goberno galego que dote dun "novo status político" para Galicia "con carácter de nación", promova un novo modelo enerxético que "se tome en serio o cambio climático" ou que "dea tranquilidade" aos galegos "ante a enfermidade" cun reforzo da sanidade que teña como prioridade a saúde mental.

"Galicia merece un goberno que funcione, un goberno con ambición e orgullo do que somos, como país e como pobo", sentenciou ao termo do seu discurso Pontón nun peche no que subliñou que quere ser presidenta dun goberno que sitúe a Galicia "entre as nacionaes máis avanzadas do mundo" onde a xente nova poida "cumprir os seus soños", os maiores teñan "unha vellez digna" ou as mulleres poidan "romper teitos de cristal e despegarse de chans pegañentos".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no debate sobre o estado da autonomía. ÁLVARO BALLESTEROS
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no debate sobre o estado da autonomía. ÁLVARO BALLESTEROS | Fonte: EUROPA PRESS

O "CAMBIO", DI, "ESTÁ EN MARCHA"

Pontón expresou o seu desexo de liderar desde San Caetano a esa "Galicia imparable" que "xa está en marcha" co impulso da cidadanía que sae ás rúas o 8M para reclamar igualdade, os científicos e investigadores "fartos de precariedade e ninguneo" ou daqueles que avogan por "un novo modelo económico sostible para as persoas e para o planeta".

Segundo a líder do Bloque, Galicia necesita un goberno con "confianza" no seu "enorme potencial", con "ambición" e que demande para si mesmo "respecto". "Porque non somos máis que ninguén, pero tampouco menos", apostilou.

GALICIA "EN RETROCESO"

Pontón dixo terse erixido na garante para deixar atrás 14 anos de políticas "fracasadas" do PP na Xunta que significou que Galicia "retroceda" en poboación, servizos públicos, autogoberno, economía, "calidade" democrática ou en protección ao seu patrimonio natural, un aspecto que destacou ante a "emerxencia" climática que se vive a nivel mundial.

No seu repaso a esa "Galicia en pequeno" que deixa como "legado" os anos de Alberto Núñez Feijóo e o seu sucesor Alfonso Rueda, ao que cualificou de "presidente accidental"; Pontón destacou que "só Madrid" inviste "menos" en atención primaria que a Comunidade galega, onde "215.000 persoas esperan por unha primeira consulta hospitalaria, 46.000 por unha intervención cirúrxica e 250.000 por unha proba diagnóstica".

Tamén se detivo na situación da atención á saúde mental para sentenciar que "non é decente" que esta dependa "do tamaño da túa conta bancaria" porque, segundo Pontón, a falta de recursos fai que aqueles que non poden permitirse acudir a unha consulta privada só teñan como recurso "os ansiolíticos e os antepresivos".

Neste sentido, prometeu que, se alcanzan a Xunta, o Bloque terá como "prioridade" a posta en marcha no Servizo Galego de Saúde (Sergas) dun plan de atención á saúde mental "ambicioso, con recursos e prazos". Ademais, tamén se comprometeu a limitar o abono do complemento por dedicación exclusiva na pública ao persoal sanitario que exerza unicamente no Sergas, xa que considera unha "inxustiza" que "se incentive con diñeiro público que se traballe na privada".

Un "plan de choque" contra as listas de espera, baixar os cocientes de alumno por aula, contratar máis profesorado e recuperar a gratuidade dos libros de texto foron dous das medidas que Pontón dixo que adoptaría nos primeiros cen días dun goberno con ela de presidenta, que daría "un xiro de 180 graos" ao sistema de residencias para pasar "dun modelo privatizado a un de xestión pública".

PSDEG

O portavoz do PSdeG, Luís Álvarez, criticou que a "medida estrela" anunciada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este luns no Debate do estado da autonomía fose "recuperar" o bono de coidados de 5.000 euros ao ano.

Así, reivindicou que os socialistas propoñen que dar "un xiro total á política social", que "non pode ser caridade, senón un dereito que teña como base a solidariedade e a xustiza social". Tras o discurso de Rueda na mañá deste luns, Álvarez lamentou que o titular do Goberno galego "non estivo á altura". "Pronunciou o seu primeiro discurso como presidente nun Debate do estado da autonomía e xa lle anuncio que ten pinta de que vai ser o último", indicou.

Así, na súa quenda de palabra, Álvarez procedeu a relatar se os gobernos de "coalición coa extrema dereita" en Estremadura ou en Murcia son "anómalos". "Non, señor Rueda, anómalo é pensar o contrario, e tamén un pouco rancio", respondeu entre aplausos da bancada socialista.

PPDEG

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, censurou a "caricatura" que, ao seu xuízo, fixo a oposición da situación de Galicia. Unha "caricatura" que considera "basta", carente de "credibilidade" porque non se corresponde a "a Galicia real, a Galicia de Rueda", da que destacou a "política do sentidiño" que foi referendada "catro veces" nas urnas.

Couñago criticou o "retrato da Galicia depresiva, escura, case dickensiana" que, ao seu xuízo, pintaron os portavoces de BNG, Ana Pontón, e PSdeG, Luís Álvarez. O portavoz popular sinalou que "para que unha caricatura teña un mínimo de credibilidade", hai que "saber pór límite á esaxeración". "E vostedes non teñen límite", engadiu. "Desdebuxan tanto a realidade galega, que o resultado é unha caricatura basta, na que o retratado non é quen de recoñecerse", expresou.

Fronte ao papel da oposición, Pazos Couñago puxo en valor que Galicia apostase hai 15 anos por "a estabilidade institucional, o crecemento sustentable e a mellora continuada dos servizos públicos", algo que, remarcou, resúmese nunha palabra: "Sentidiño". Nesta liña, reivindicou que a Galicia "real" ten motivos para "confiar no futuro" e tamén para "sentirse orgullosa", sinalando algunhas medidas do Goberno de Rueda, como as "escolas infantís gratuítas", as casas neno ou a Tarxeta Benvida.

MUNICIPIOS GALEGOS, AUSENTES

A Fegamp denunciou que os municipios galegos foron os "grandes ausentes" no discurso do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no de Debate do Estado da Autonomía. Segundo recollen nun comunicado, lamentan a "oportunidade perdida" de incorporar no mesmo "anuncios de compromisos que resolvan os principais requirimentos solicitados polos municipios galegos neste período".

Apuntan que Rueda só se referiu aos concellos, de forma indirecta, cando anunciou que se garantirá o apoio do Goberno galego no caso de que os permisos de competencia municipal se demoren sen motivo, chegando a propia Xunta a emitir a licenza de obras para que eses proxectos funcionen. "Os concellos galegos cumpren dabondo cos seus deberes administrativos e o que esperan da Xunta é colaboración, e non que se cuestione o seu labor", lamentan.

A este respecto, afirman que "quen non cumpre cos concellos galegos e o seu financiamento é o goberno galego, que leva máis de dez anos sen incrementar o Fondo de Cooperación Local, a pesar das dificultades nas que se atopan os concellos para atender os servizos propios". "Xa vai sendo hora de corrixir esta situación anómala e inxusta", argumentan.

Apuntan tamén que ao anunciar o bono de 5.000 euros anuais para o coidado de persoas dependentes, Rueda "pareceu preferir que os concellos galegos sigan afogándose para poder cubrir os custos do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que segue sen recibir o financiamento necesario desde a Xunta de Galicia". Sobre esta medida, critican tamén que se estea bonificando "volver ao pasado", cando "as familias tiñan que facerse cargo da atención ás persoas dependentes, no lugar de reforzar un servizo profesional e de calidade para a atención a esas persoas que ben a merecen".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta