Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2023 | Actualizada ás 21:28
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, integrante das Delegacións de Relacións con Palestina e con Israel do Parlamento Europeo, pediu á Comisión Europea que non suspenda o envío de axuda humanitaria a Palestina.
Considera ademais que a Unión Europea debería realizar un labor de intermediación e de paz entre Palestina e Israel neste momento, "esixindo o alto ao lume" e a continuación da axuda humanitaria en Gaza e os Territorios Ocupados, en lugar de tomar "unha indecente e pouco neutral posición". Miranda lembra que son numerosas as Resolucións de Nacións Unidas condenando a opresión e a ocupación de Palestina por parte de Israel.
Apunta ademais que o propio secretario xeral, Antonio Guterres, expresou a súa preocupación polo cerco de Israel á Franxa de Gaza, anunciado polo Ministro de Defensa de Israel, "chamando a un bloqueo completo da franxa, que deixará sen luz, auga, electricidade nin combustible a miles de persoas".
"A Unión Europea tería que centrarse en impedir máis sufrimento e mediar para alcanzar solucións de paz", destaca a eurodeputada nacionalista, quen sinala que Israel, "como potencia ocupante, vulnera sistematicamente os dereitos do Pobo Palestino e comete graves crimes contra a humanidade, detencións arbitrarias, asentamentos ilegais e barbaridades", como declarou a ONU en diversas resolucións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.