Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2023 | Actualizada ás 15:10
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, asegurou que "Pontevedra está paralizada" pola "teimosía" do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e coa "complicidade" dun Partido Socialista "sumiso e desubicado".
Rafa Domínguez declarou que a cidade "está paralizada pola cabezonería dun alcalde que, lonxe de tomar nota do resultado das eleccións municipais, incrementou a súa soberbia e a súa falta de diálogo" coa oposición política e a cidadanía.
Nunha rolda de prensa celebrada este martes, o líder da oposición tamén se solidariza cos feirantes, que está "a sufrir" economicamente as consecuencias "dun goberno esgotado do BNG", e coa cidadanía polos "atascos e retencións de tráfico insoportables" provocadas polo "bloqueo" da avenida de Buenos Aires onde o Concello de Pontevedra pretende recolocar o mercadillo dos sábados.
O portavoz dos populares afirmou que o alcalde "ten pensado cortar o tráfico de forma definitiva diante da ponte do Burgo, aproveitando o conflito cos feirantes, para impor a súa actitude ditatorial, propia de políticas do século pasado".
Para o Partido Popular outro exemplo da "parálise" do Goberno local é o proxecto para destapar o río Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo do que Rafa Domínguez considera aos socialistas "corresponsables" por "pór a Lores de alcalde e mantelo". Domínguez alertou da posibilidade de perder o financiamento de 2,3 millóns dos fondos europeos que, a través do programa Next Generation, foron concedidos a Pontevedra para destapar o tramo urbano do río dos Gafos e convertelo nun parque fluvial.
"As axudas europeas están a piques de perderse pola incapacidade e falta de interese do alcalde", avisou Rafa Domínguez. O portavoz do PP local expresou o seu desconcerto ante "un PSOE sumiso e desubicado" despois de que o Bloque "emendase" a súa planificación de traballo en servizos sociais, a área de promoción económica ou co destape do río Gafos. "Nunca vin humillar tanto a un partido como está a facer o BNG e nunca vin a un partido agachar tanto as orellas como está a facer o PSOE", comentou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.