Prohibir o comercio de aletas de quenlla na UE: pagan xustos por pecadores?

A iniciativa popular “Stop the Finning-Stop the Trade” busca a prohibición de exportar aleta de quenlla desde a UE e a súa circulación e comercialización dentro do espazo comunitario. Parlamento galego e armadores consideran a iniciativa como unha acción fóra da realidade: “cando a frota galega é das máis controladas da Unión Europea” e as prácticas de cortar a aleta e tirar a quenlla ao mar están prohibidas desde 2013.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 15/10/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os tres grupos parlamentarios galegos (PP, PSOE e BNG) acordaron, dentro dunha desas estrañas conxuncións políticas que raramente se dan, aprobar unha proposición non de lei presentada polo Grupo Popular. Dita proposición requería ao Goberno central dirixirse á Comisión Europea, á Eurocámara e estados membros "para que freen a proposta de vetar a venda de aletas de quenlla na Unión, pois o seu obxectivo xa está conseguido coa norma europea que obriga a pescar e desembarcar os exemplares coas aletas adheridas". Desta maneira, buscábase que a campaña “Stop the Finning-Stop the Trade” non consiga a prohibición de circulación de aletas de escualos dentro da Unión Europea. A medida foi vista polo Parlamento Galego máis como un ataque á frota pesqueira que como unha proposta “conservacionista” para unha especie peláxica.

Capturas estimadas por StopFinningEU até 2016
Capturas estimadas por StopFinningEU até 2016 | Fonte: StopFinningEU

PROHIBIR AS ALETAS NA UE

O anglicismo “finning” define o corte das aletas do tiburón. Estas aletas son conservadas para a súa comercialización mentres que o corpo do peixe, en principio, é tirado ao mar. Cualificada de práctica cruenta ademais de fomentar a extinción de especies mariñas, a UE puxo en vigor o regulamento do ano 2013. Este documento só permitía o corte da aleta superior de quenllas e marraxos cando se desembarcaran. Porén, a medida só afecta a buques e augas da UE. O regulamento de 2013 sinala como parte da súa aplicación que “as aletas de quenlla non constitúen un ingrediente tradicional da dieta europea, mais as quenllas si constitúen un elemento necesario do ecosistema mariño da Unión. Daquela, débese dar prioridade á xestión e conservación da poboación de quenllas, así como, en termos máis xerais, ao fomento dun sector pesqueiro xestionado de maneira sostible en beneficio do medio ambiente e das persoas que traballan neste sector”.

“A petición para prohibir a comercialización de aleta de tiburón parte dunha iniciativa cidadá nacida desde unha perspectiva ecoloxista radical” sinala o deputado do PPdeG José Manuel Balseiro, quen presentou a proposición non de lei. “Considerámola unha iniciativa sen base científica” e que de saír adiante prexudicaría á frota de palangre de superficie galega. Balseiro ve unha consecuencia inmediata se se dá este proceder: “se se desatende o mercado de quenlla, os importadores tirarían doutros países exportadores”. Ditos exportadores non están afectados pola regulamentación que esixe a UE aos seus barcos.

“A frota galega non ten tradición de “finning” e desde 2013 está totalmente prohibido” di o deputado do BNG, Daniel Castro, quen lembra: “a frota galega é unha das máis controladas da UE en relación ás prácticas de pesca” e por iso o seu grupo parlamentario considera que se pon en dúbida o cumprimento das normas pesqueiras por parte dos barcos galegos. “A nosa frota leva xa sobre si moitísimas perdas e isto permitiría o beneficio doutras frotas non comunitarias”.

Informe CITES capturas tiburón 2011
Informe CITES capturas tiburón 2011 | Fonte: CITES

Desde o PSdeG, Patricia Otero consideraba que a iniciativa non ten enconta dous piares fundamentais: o social e o económico. A posible perda de postos de traballo e con ella a falta de ingresos en familias e a perda para a industria pesqueira. Coincidindo cos outros grupos parlamentarios: “estaríase beneficiando a frotas de terceiros países se se prohibe pescar quenlla e marraxo aos nosos barcos, por iso pedimos coherencia á UE”. E esa coherencia pasa pola prohibición do “finning” en todas as frotas do mundo.

APROXIMACIÓN ÁS CIFRAS DE FINNING NA UE

A campaña impulsada desde StopFinningEU di na súa web: “asegurarase de que se escoite a voz de 1,1 millóns de cidadáns da UE e seguirá en primeira liña. StopFinningEU apóiase na ciencia. En consecuencia, a avaliación debe abarcar todos os sectores relevantes e, por tanto, ir máis aló dos intereses da industria pesqueira”. “Esta iniciativa cidadá non fala de comercialización, só que a aleta non circule pola UE sen a quenlla” di Edelmiro Ulloa, director xerente de ARVI (Cooperativa de Armadores de Vigo). Ulloa insiste que “todo o noso comercio de tiburón está baixo control e medidas CITES xunto con outros certificados, por tanto, non ten sentido o que se está pedindo”.

A queixa de Ulloa está en que as medidas sobre as pesqueiras da Unión só se aplican na UE, mais o resto de frotas como as do Sueste asiático non reciben ningún tipo de control. “Mesmo o goberno chinés temía que o estivesen enganando e investigou os centros rexistrados para a pesca do tiburón, pois viron que as cifras de pesca non eran as propias do número de instalacións”, apunta Ulloa.

A plataforma StopFinningEU apunta na súa web que “a norma de 'Aletas Naturalmente Adheridas' obriga a que as aletas non se poden separar do corpo da quenlla antes do desembarco. Isto significa que as aletas se poden comerciar e exportar”. Logo, a política de non separación antes de baixar a porto o peixe enteiro tampouco serviría para frear un comercio visto como equilmador dos mares. Aínda así, tanto a plataforma como a UE recoñecen o tiburón como animal necesario para manter o equilibrio nos océanos.

Segundo a mesma web, España, Francia e Portugal estarían entre os primeiros 15 países con máis captura de tiburón. Sobre datos relacionados coa quenlla (blue shark, tintorera, tiburón azul), as últimas cifras ofrecidas por StopFinningEU son de 2016. Doutra banda, un informe CITES publicado en xaneiro de 2011, colocaba a España no terceiro lugar en capturas, a Francia no número 12 e Portugal no 16. Curiosamente, China, o principal consumidor de aleta de tiburón, non aparecía nese ranking. “No informe presentado desde a iniciativa (StopFinningEU) din que entre 63 e 273 millóns de tiburóns morren cada ano, mentres que na páxina 6 do documento sinalan que en 2016 se pescaron 53.000 Tm., iso son 1.700.000 quenllas”, apunta Edelmiro Ulloa.

Actualmente os principais mercados para aleta de tiburón están en China e Estados Unidos. No caso de China e outros países do Sueste asiático, os barcos que capturan tiburón fan transbordo do produto a outros barcos en alta mar, desta maneira non pasan por ningún control, como di Ulloa. StopFinningEU apunta que o 45% da aleta consumida en Asia procede da UE. De aí que apunten a necesidade de parar o comercio e circulación do protudo. “A principal aportación de aleta irregular procede de frotas asiáticas” remata Ulloa.

“Os nosos barcos pasan todos os controis, por iso dicimos que non ten sentido sinalarnos a nós, á frota galega”. E os controis ás outras frotas? “China e outros países asiáticos bloquean calquera tipo de control cando se vota algunha iniciativa nos organismos internacionais” di Ulloa. Este último punto tería unha posible solución na aportación de axuda con patrulleiras ou outro tipo de colaboración entre países como os da UE con  nacións sen moitos recursos de control. Porén, esta vía de amortecemento aínda está por ver se funciona ou non, o mesmo que outras.

Poxa de quenllas na lonxa de Vigo
Poxa de quenllas na lonxa de Vigo | Fonte: José Antonio Gil Martínez en Flickr.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta