Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2023 | Actualizada ás 14:47
O ex conselleiro Manuel Pérez Álvarez, proposto para ocupar a presidencia do Consello Económico e Social (CES) de Galicia, reivindicou a súa "aposta decidida polo diálogo e o consenso" durante a súa traxectoria política e laboral, á vez que mostrou a súa "preocupación" por "responder con dignidade, acerto e eficacia" cando sexa designado á fronte da institución.
Pérez Álvarez compareceu este luns ante a comisión de economía, facenda e orzamentos do Parlamento galego antes de ser nomeado como presidente do CES en substitución de Agustín Hernández. En primeiro lugar, trasladou o seu agradecemento "ao Goberno galego e ao seu presidente" ao pensar nel para presidir unha institución que considera "básica". "Responder con dignidade, acerto e eficacia é unha preocupación que teño ben interiorizada", afirmou.
A continuación, trouxo a colación a súa traxectoria como inspector de traballo e tamén a súa vida política (foi alcalde de Vigo e europarlamentario, entre outros cargos) para asegurar que a "procura de entendemento" estivo sempre no seu punto de mira. Entre outras cuestións, lembrou a creación da renda de integración social de Galicia (a denominada 'Risga') e medidas de prevención e seguridade laboral para os traballadores da lousa.
Xa cara ao final da súa intervención, citou frases como "a unión fainos fortes, a discordia debilítanos" e "as palabras que non van seguidas de feitos non valen para nada". Deixando ao carón a vaidade, subliñou que o seu maior interese con esta comparecencia na Cámara era "trasladar que por encima de calquera outra motivación" que aceptou a proposta pola súa "aposta decidida polo diálogo e o consenso".
"NINGÚN PROBLEMA DOS GALEGOS SERÁ ALLEO AO CES"
Desde a perspectiva do traballo a desenvolver no CES, mencionou tres obxectivos: o primeiro o diálogo, o segundo que o ente "non pode ser un instrumento laudatorio do Goberno, pero tampouco de confrontación social e política", senón que, na súa opinión, "ten que ser ferramenta de diálogo e entendemento en busca de solucións a temas que expoñan o Goberno, o Parlamento e axentes sociais" e o terceiro que debe "manter o espírito de utilidade, introducindo na axenda a análise dos problemas dos galegos".
"Ningún problema dos galegos será alleo ao Consello", comprometeu, antes de referirse en concreto a asuntos como a crise demográfica, as condicións laborais dos migrantes, a dispersión e a soidade, o 'baleirado' territorial, a ordenación dunha economía verde e circular, o turismo desestacionalizado e a integración de Galicia nas redes transeuropeas. Por último, e na liña dos que lle precederon, aos que agradeceu o seu labor, así como ao persoal do CES, Pérez Álvarez comprometeuse a "achegar un pouco máis o Consello á cidadanía".
GRUPOS
Por parte dos grupos, Begoña Rodríguez Rumbo, do PSdeG, sinalou que "unha especie de informe sobre o cumprimento" das recomendacións que fai o CES "podería ser un dos seus primeiros compromisos". Mentres, o deputado do BNG Daniel Pérez instoulle a lembrar "sempre a quen se debe como presidente do CES", que é "ao pobo galego", e desexou que "quen goberne escoite as recomendacións" da institución.
Por último, na quenda do PPdeG, Alberto Pazos Couñago asegurou que "poucos poden" presentar "unha folla de servizos tan dilatada" e indicou que o CES non é un órgano fiscalizador, senón consultivo. As súas recomendacións "son escoitadas sempre e ás veces tamén son compartidas", engadiu o popular.
PECHE
Xa no peche, o comparecente afirmou que "a unha certa idade as decisións non son fáciles de tomar" e citou a Manuel María para referirse a "outra Galicia que está no sentimento". O seu compromiso, concluíu, está "con esa Galicia que é unha nai velliña e soñadora". "Traballar por ela paréceme unha tarefa apaixonante", finalizou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.