A Xunta destaca os beneficios do quecento global: "Galicia estase convertendo nun refuxio climático"

A conselleira de Medio Ambiente destaca que, pese ao aumento das temperaturas, "ao mesmo tempo foi un verán saudable".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2023 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

O verán de 2023 foi o terceiro máis cálido dos últimos 60 anos en Galicia, só superado polo dos anos 2006 e 2022, e rexistrou un incremento de 1,2 graos da temperatura media.

Así o trasladou este martes na presentación da nova páxina web de Meteogalicia a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que recoñeceu que é un incremento que "hai que valorar".

Ademais, Vázquez sinalou que neste verán "moi cálido" a temperatura media estivo en 20,4 graos nos meses de xuño, xullo e agosto, chegando a máximas de 42,9 graos, segundo detallou. Neste contexto, a vicepresidenta segunda afirmou que "non hai negacionismo que sirva" se se fala de cambio climático, polo que defendeu "a planificación e a transparencia" como "fundamentais" para afrontalo.

"REFUXIO CLIMÁTICO"

Ademais, Ángeles Vázquez sostivo que Galicia se está convertendo "nun refuxio climático", xa que pese ao aumento das temperaturas "ao mesmo tempo foi un verán saudable". "É o que nos está pedindo a xente para vir facer turismo e mesmo para poder vir vivir", reflexionou.

"Iso é o que queremos trasladar. Temos que seguir coidando o planeta e temos que seguir coidando a Galicia. Hai un ascenso de temperaturas que non podemos negar. Ao mesmo tempo, foi un verán chuvioso, pero as temperaturas non teñen comparación con outras como pode ser o caso de Madrid ou Andalucía. Seguimos tendo unha Galicia saudable", concluíu.
 

A conselleira de Medio, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, este mércores nas instalacións de Meteogalicia
A conselleira de Medio, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, este mércores nas instalacións de Meteogalicia | Fonte: CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta