Por Europa Press / Redacción | MADRID | 23/10/2023 | Actualizada ás 18:39
Esquerra Republicana (ERC), Bildu e o BNG rexistraron unha iniciativa no Congreso solicitando que se proceda a desclasificar toda a documentación relativa ao intento de golpe de estado do 23 de febreiro de 1981 e fixérono tras coñecer unhas declaracións do coronel Antonio Tejero implicando a Juan Carlos I no intento.
Nunha entrevista publicada por 'El Español', o condenado polo asalto ao Congreso asegura que detrás do golpe estaban o agora Rei emérito e o xeneral Alfonso Armada, que querían impor un goberno "ao seu gusto", e presume de que foi el quen parou a operación ao darse conta desas intencións. "Eu ao Rei Juan Carlos fodino vivo", afirmou.
Os grupos asinantes da iniciativa recalcan que esa versión coincide coa do maxistrado Joaquim Bosch, quen sinala nun libro que, efectivamente, o que frustrou o golpe foi o rexeitamento de Tejero á lista dos integrantes do Goberno de gran coalición que iría presidir Armada.
Para ERC, Bildu e o BNG, tras estas informacións e os máis de 40 anos transcorridos "xa non hai xustificación algunha" para non coñecer "cada detalle de cada documentos, gravación e información significativa que obre en poder do Estado español" e que poida achegar luz sobre aquel episodio.Neste contexto, buscan que o Congreso inste o Goberno a realizar todos os cambios lexislativos necesarios para desclasificar todos os documentos escritos, sonoros e de vídeo que permitan coñecer con exactitude todos os feitos relacionados co intento golpista.
IMPLICACIÓN DOUTROS PAÍSES
En opinión destas formacións, chegou o momento de "coñecer todos os nomes dos militares implicados no intento, non só das cabezas de turco condenados", así como da "trama civil directa e indirecta do golpe" e os "contactos con partidos que aceptaban un goberno de concentración como mal menor" e que estaban "dispostos a colaborar nel".
Ademais, demandan que saian á luz todos os documentos que sirvan para reconstruír as conexións existentes con terceiros países, o seu "tutelaje" sobre estes acontecementos e esclarecer "o papel da Casa Real, as súas verdadeiras intencións e o seu papel central na trama".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.