O cambio climático cébase cos alérxicos en Galicia, onde o 80 % vense afectados polos ácaros do po

Ignacio Dávila, presidente da Sociedade Española de Alerxia e Inmunoloxía Clínica (SEAIC) que estes días celebra un congreso nacional en Santiago de Compostela, asegura que as alerxias se están a prolongar cada vez máis no tempo polo cambio nas temperaturas e nas choivas, facendo que, por exemplo, os alérxicos ao pole que antes sufrían dous meses, agora o fagan durante medio ano.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 25/10/2023 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

O cambio climático está traendo consigo o aumento de moitas enfermidades, eminentemente respiratorias, polo que o campo da Alergoloxía está cada vez máis en auxe, pois os seus profesionais deben investigar na procura de novas técnicas e tratamentos que faciliten a vida das persoas que padecen algún tipo de alerxia. En Galicia, esta necesidade é aínda máis importante, pois as condicións climatolóxicas da nosa terra derivan en vivendas que albergan moita humidade, na que campan ás súas anchas ácaros do po; e tamén en ecosistemas moi verdes con todo tipo de árbores que soltan pole, como é o caso do bidueiro (que non se atopa noutras partes de España), ou da oliveira, moi presente en Vigo. E iso sen contar coa fauna que convive cos humanos, non só cans e gatos domésticos, senón tamén vacas e outro tipo de gando, que tamén provocan alerxias.

Ácaros do po
Ácaros do po | Fonte: Infosalud

Entre todas estas variantes, é a alerxia aos ácaros do po a que ten unha maior incidencia en Galicia, con diferenza. De feito, na área sanitaria de Santiago o 80 % dos pacientes con algunha alerxia respiratoria sofren esta afección. Ademais, tal e como afirma a profesora Carmen Vidal, presidenta do Comité Local de Alergoloxía e alergóloga pertencente á Sociedade Española de Alerxia e Inmunoloxía Clínica (SEAIC), "nos últimos anos tamén se observou un aumento expoñencial da sensibilización ao veleno de himenópteros. Concretamente, a vespa asiática, ou velutina, é responsable do 70 % das anafilaxias por picaduras deste tipo de insectos". E isto é algo novo, unha ameaza moi recente, pero que chegou para quedarse, e á que hai que enfrontarse.

Por iso, faise preciso comprender que os cambios constantes do mundo actual impactan de cheo na alergoloxía. A actualización sobre a situación das diferentes enfermidades alérxicas, a súa evolución e a súa variación en canta a prevalencia, deben ser continuos. "Nos últimos 25 anos prodúxose un incremento da alerxia aos alimentos", exemplifica o profesor Ignacio Dávila, presidente da SEAIC, que asegura que "a influencia do cambio climático e da contaminación provocou unha maior intensidade e duración da polinización, que se traduce nun incremento da sensibilización e polisensibilización". "O aumento das temperaturas globais, as sequías, os novos rexímenes pluviais, as insolacións... Fan que nalgunhas rexións se produce un aumento palpable da exposición ao pole", asegura.

Deste xeito, afirma que o sufrimento dos alérxicos ao pole "exténdese no tempo, de maneira que os pacientes sofren esta alerxia durante máis tempo, e nalgúns casos mesmo con maior intensidade". O profesor Dávila tamén asegura que "o panorama nos últimos 40 anos cambiou moito e pacientes que antes tiñan monosensibilización, é dicir, que só presentaban alerxia a unha cousa, agora son alérxicos a moitas, esa é a norma actual". O pole é unha desas alerxias altamente frecuentes, pois, como apunta, "a prolongación das estacións e a polinización máis intensa fai que o periodo de reacción ao pole comece en marzo cunhas plantas e se vaia encadeando con outras, de maneira que o paciente que antes estaba dous meses con sintomatoloxía, agora estará catro, cinco ou mesmo medio ano".

NOVOS TRATAMENTOS EN ALERXIA ALIMENTARIA, ASMA OU DERMATITIS ATÓPICA

Alerxia
Alerxia | Fonte: iStock

Pola súa banda, a doutora Vidal advirte tamén de que "os contaminantes presentes no ambiente mesmo poden modificar a estrutura dos alérxenos normais e facelos máis agresivos". E, ante esta situación, os alergólogos poñen o foco na chegada de tratamentos innovadores que permitan un cambio completo no panorama terapéutico e na optimización da abordaxe das enfermidades alérxicas. Neste punto, no que respecta aos novos tratamentos, as diferentes investigacións levadas a cabo polos expertos aumentaron o abano de opcións terapéuticas dispoñibles. No caso da alerxia alimentaria, a inducción oral plantéxase como un tratamento capaz de cambiar o seu curso.

Para a esofaxitis eosinofílica, o asma e as enfermidades que cursan con hiperseosinofílica existen tratamentos en camiño que pretenden mellorar o pronóstico dos pacientes con casos máis graves. Tamén se produciron avances notables no tratamento de enfermidades como o anxioedema herdado, a dermatitis atópica ou a urticaria crónica. E a telealergoloxía é algo que chegou para quedarse, cunha importancia na atención sanitaria dos pacientes alérxicos moi grande. No mesmo sentido, a alergoloxía de precisión. "Todos estes avances son posibles grazas á investigación", afirma o profesor Dávila.

XXXIV CONGRESO NACIONAL DA SOCIEDADE ESPAÑOLA DE ALERXIA

Ademais, faise necesario aportar ao paciente unha abordaxe integral da súa alerxia. "A atención multidisciplinar da alerxía é o camiño que debemos seguir para optimizar os resultados na saúde dos pacientes e os custes para o sistema sanitario", explica a doutora Alicia Habernau, vogal do Comité Cientifício da SEAIC. O problema na actualidade, como expón a doutora Vidal está en que "antes para os médicos que remataban a carreira a Alergoloxía resultaba unha especialidade moi apetecible, pero agora está entre as últimas en ser elixidas", o cal é necesario cambiar, pois cada vez estes novos investigadores e médicos especialistas serán máis necesarios.

Estas situacións fan que iniciativas como o XXXIV Congreso Nacional da Sociedade Española de Alerxia e Inmunoloxía Clínica (SEAIC), que se está a celebrar esta semana en Santiago de Compostela, que potencien a mellora da alergoloxía, sexan de vital importancia. A través de diferentes sesións impartidas por poñentes nacionais e internacionais expertos en diferentes áreas da alergoloxía e especialidades afíns, abordaranse as últimas novedades da especialidade. Ademais, contarase cun micrófono aberto para presentar novos proxectos no marco do congreso e premiarase ao mellor deles con financiación. 

E xunto á investigación, tamén é fundamental no desenvolvemento da Alergoloxía a docencia pre e posgrado. Por iso, a SEAIC ofrece no seu congreso un espazo de análise da situación da docencia en alergoloxía na actualidade e comparte o seu traballo por potenciar a especialidade nos plans de estudo de Medicina. Finalmente, o congreso tamén pon o foco na cooperación entre as diferentes especialidades médicas no manexo das enfermidades alérxicas. Nesta liña, a enfermaría destaca por desempeñar un papel esencial no diagnóstico, tratamento, prevención e manexo destas patoloxías. Por iso, o Comité de Enfermaría en Alergoloxía contara cun gran número de sesións e obradoiros actualizados dirixidos á especialización e desenvolvemento deste grupo de profesionais que traballan man a man cos alergólogos na atención aos pacientes alérxicos.

UNHA ÁRBORE POR CADA ASISTENTE

Por outra banda, a Sociedade Española de Alerxia e Inmunoloxía Clínica móstrase consciente do impacto do cambio climático na incidencia das alerxias respiratorias, e por iso impulsaron a iniciativa 'Impacto Ambiental' por segundo ano consecutivo. Desta forma, ademais de abordar o problema emerxente, toman un papel activo na mellora da situación ambiental actual. Da man de Chiesi España, contribuirase así á reforestación dunha zona de Galicia afectada polos incendios dos últimos anos, plantando unha árbore por cada asistente ao Congreso.

"Este proxecto ten como obxectivo recuperar unha zona deforestada, mellorando a calidade do aire e, con iso, contribuíndo a unha mellor saúde respiratoria", explica o doutor Javier Montoro, coordinador do Grupo de Traballo de Alerxia sobre Medio Ambiente, Contaminación e Cambio Climático da SEAIC.

Abella cuberta por pole. MATTHIAS TSCHUMI - Arquivo
Abella cuberta por pole. MATTHIAS TSCHUMI - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta