Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2023 | Actualizada ás 21:10
O mosquito tigre, ademais de ser transmisor de enfermidades mortais como o dengue, o zika, a febre amarela ou o chikungunya, tamén é perigoso aínda sen portar ningún destes virus, porque "a picadura dun mosquito tigre xa é de por si máis severa que a dun mosquito común", segundo apunta Yasmina Martínez, investigadora da UVigo e membro daa Rede Galega de Vixilancia de Vectores Infecciosos (Regavivec) lque eva desde o ano 2019 detectando a presenza de insectos novos.
A Xunta está preocupada pola proliferación do mosquito tigre, tanto, que acaba de enviar recomendacións para facerlle fronte, tanto nas escolas como nos ceminterios. Polo momento, o sur de Pontevedra é a zona máis afectada pola chegada do mosquito trigre. Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, Bueu e Vilaboa xa están afectados pola presenza de mosquito tigre. E as maiores densidades de poboación de mosquito tigre atopáronse en Moaña (zona cero) e en Vigo (especialmente nos barrios de Teis e Lavadores).
Regavivec traballa xa con Saúde Pública para a posta en marcha de medidas de prevención. A primeira foi comezar unha campaña de concienciación social que se mantén activa, pois o mosquito tigre segue presente en Galicia e cada vez detéctase en máis puntos (todos arredores da zona de Moaña, a 'zona cero').
Entre as medidas a adoptar por parte da poboación, a investigadora da UVigo recorda "a eliminación de criadeiros". "Aos mosquitos encántalles criar en lugares húmidos, nos que hai auga, e que sexan artificiais", explica Martínez, que indica que por iso resulta moi efectivo a nivel individual "retirar todos os recipientes artificiais que se teñan en fincas e poidan acumular auga, ou ben darlles a volta e baleirar a auga ou tapar a súa superficie tras o baleirado". E é que esta experta cifra a cantidade de criadeiros nesas zonas no 80 % do total. É dicir, oito de cada dez criadeiros de mosquito tigre están en recipientes artificiais situados no exterior que acumulan auga.
CEMITERIOS
Precisamente por iso, e ante a celebración este mércores 1 de novembro do Día de Todos os Santos, a Xunta de Galicia emitiu unha serie de pautas a seguir nos cemiterios para controlar o mosquito tigre e reducir as súas posibilidades de reprodución.
Así, recomendan que os recipientes para flores ou obxectos ornamentais non permitan a acumulación de auga porque poderían albergar larvas do mosquito Aedes albopictus. Como solución máis eficaz, propoñen facer buracos nos recipientes para facilitar a súa drenaxe. De non ser posible, pódese manter a humidade usando esponxas ou fibras absorbentes e enchendo os recipientes de area.
A Consellería de Sanidade lembra que os cemiterios son espazos sinalados como lugares a vixiar polos concellos nos que o mosquito tigre estea instalado, é dicir, as localidades do Morrazo, de Cangas, Moaña, Vilaboa e Redondela, ademais da cidade de Vigo.
ESCOLAS
Ademias, a Consellería de Sanidade recomendou o uso de repelentes ante a aparición de mosquitos tigre en colexios de Vigo, nos que se aplicou larvicidas para evitar a súa reprodución tras a aparición de varios exemplares desta especie de mosquito.
Con todo, Sanidade explicou que o uso xeneralizado nesta época do ano de roupa que cobre pernas e brazos axuda a evitar as picaduras. Para o resto de pel exposta ao aire libre, os expertos recomendan utilizar repelente indicado para este insecto.
"Esperamos que a baixada de temperaturas, previsible nas próximas semanas, faga desaparecer o mosquito tigre durante o inverno, aínda que a Dirección Xeral de Saúde Pública estará pendente da súa posible aparición na primavera", engadiu o Sergas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.