Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2023 | Actualizada ás 15:24
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse co vicerreitor de Planificación e Sustentabilidade da Universidade de Vigo, José Luís Míguez, e coa directora da Oficina de Medio Ambiente da entidade educativa, Delfina Couce, para estudar a elaboración dun plan de refuxios climáticos en Galicia.
Segundo informou a Xunta, durante a reunión coincidiron na importancia de dotar á comunidade dunha rede de 'illas de frío', que son espazos sinalizados, ben distribuídos e gratuítos que contan con refrixeración e aire acondicionado nos que os cidadáns se poidan refuxiar en días de temperaturas excesivas.
A iniciativa realizouse en varias cidades europeas como París e Barcelona e consiste na apertura ao público, as 24 horas do día, de centros educativos, ambulatorios, bibliotecas e polideportivos, entre outros, para protexer aos máis vulnerables das ondas de calor.
Na reunión os representantes da institución educativa explicaron o Plan Suvi que ten como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética e reducir a pegada de carbono da Universidade de Vigo. Esta iniciativa desenvolve accións a favor da sustentabilidade, mediante a instalación de xeotermia no campus de Ourense, de biomasa no Pontevedra e de enerxía fotovoltaica nos edificios de todos os campus.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.