Bernardo Caal: "Florentino Pérez negociou con Otto Pérez Molina, involucrado coas grandes mafias en Guatemala"

Bernardo Caal é un mestre e sindicalista guatemalteco pertencente á minoría maia Q’eqchi’. Dende hai tempo compaxina a súa profesión co activismo en defensa do medio ambiente e os dereitos dos pobos indíxenas. Foi detido en 2018 polo seu compromiso contra a explotación dos ríos e as prácticas das hidroeléctricas Oxec e Renace, esta última ligada á española Cobra ACS vinculada a Florentino Pérez, empresario e presidente do Real Madrid.

Por Moncho Mariño | Santiago | 07/11/2023 | Actualizada ás 22:13

Comparte esta noticia

-Cales son as motivacións polas que vostede vén a Galicia con Amnistía Internacional?
O motivo é que debemos seguir denunciando a cooptación do sistema de goberno no meu país, Guatemala, pois por culpa desta cooptación, estase a perseguir a líderes de pobos nativos americanos ou primeiros habitantes, tamén se persegue a líderes da sociedade civil por denunciaren a corrupción imperante en Guatemala. Amnistía Internacional convidoume para coñecer as persoas que escribiron as cartas que esixían ao estado de Guatemala a miña liberación. Iremos por onde haxa representación de A.I., para falar sobre a miña estadía na prisión.

Florentino Pérez
Florentino Pérez | Fonte: Flickr

-Vostede pertence á nación maia, mais cal é a porcentaxe de maias en Guatemala?
Si, eu son membro do pobo maia Q’eqchi’, somos 23 de raigame maia. Vivimos en varios districtos do país. O problema é que o capital chega aos diferentes territorios e dunha maneira abusiva, levan todos os recursos e todos os bens que coidamos. Iso aconteceu no noso territorio co río Cahabón, onde chegaron as empresas de Florentino Pérez, Cobra ACS, e constrúen varias hidroeléctricas no percorrido do río, en total, cincuenta quilómetros están afectados dos 195 que ten de lonxitude. Existen desvíos nesta bacia para xerar electricidade e todo sen importar as familias Q’eqchi’ que viven nas beiras deste río. Ademais, causan a morte de miles de seres vivos, peixes, cangrexos, camarón e tamén afecta ao consumo de auga por parte das persoas que viven xunto ao río. A empresa Cobra ACS constrúe catro hidroeléctricas e a electricidade non vai parar ás familias da comunidade.

-Á parte da nación maia, hai máis nacións orixinarias?
Hai catro, grupo maia, garífuna, xinka e mestizos ou afrodescendente.

O capital chega aos diferentes territorios e dunha maneira abusiva iso aconteceu no noso territorio co río Cahabón, onde chegaron as empresas de Florentino Pérez

-Cara onde destinan toda esa electricidade producida nas hidroeléctricas?
Nós só vemos os cables, algúns comentan que a enerxía vai para outros países da área, non repercute nas comunidades locais. Aí temos tamén unha mostra do racismo do estado, non é para os seus cidadáns, senón que outorga licenza para desviar o río sen informar e sen consultar ás comunidades. Porén, nós invocamos o convenio 169 da OIT que é o dereito de información e consulta previa. Este convenio está ratificado por Guatemala e como é de ámbito internacional, ten o mesmo rango que a constitución da nosa república. Cando reclamamos o noso dereito a sermos consultados como pobos orixinarios foi o momento en que freamos as institucións de xustiza. Tiveron que recoñecer o feito de térense atacados os nosos dereitos como pobos orixinarios. Como eu asinara o amparo legal (aos tribunais) aí comeza unha persecución con descrédito e difamación. Fixeron crer a millóns de guatemaltecos e guatemaltecas que a miña persoa é un criminal e un delincuente. A partir dese momento expediron dúas ordes de captura contra min e unha delas foi coa que acabei na cadea e inventaron delitos.

Bernardo Caal, activista indíxena en Guatemala
Bernardo Caal, activista indíxena en Guatemala | Fonte: Amnistía Internacional

-Que delitos lle inventaron?
O primeiro está relacionado coa miña profesión de mestre. Fun acusado de cobrar salarios sen traballar como mestre, aplicáronme o delito de estafa ao estado de Guatemala. Isto non prosperou resolvéndose de maneira case inmediata. De alí a pouco tempo xa teño a outra orde de captura. Aquí xa “fabrican” os delitos de roubo agravado e detencións ilegais. A explicación foi que, presuntamente, eu con máis de cen persoas paramos un transporte nunha estrada para roubarlle rolos de cable que irían para unha das hidroeléctricas. Tipificaron o delito de roubo agravado e detencións ilegais. Con todo iso fun condenado a sete anos e catro meses. Botei catro anos e dous meses na cadea de maneira inxusta. Amnistía Internacional analizou o expediente concluíndo que os delitos eran desorbitados e por iso fun declarado preso de conciencia.

 A empresa Cobra ACS constrúe catro hidroeléctricas e a electricidade non vai parar ás familias da comunidade

-Cando fala de racismo, quen son as persoas que “aplican” este racismo cara vostedes, os pobos nativos?
O racismo comezou coa invasión española e quitarlle as terras e atacaron os pobos orixinarios. Os criollos, ou descendentes directos dos españois declaran a independencia en 1821 e quedan desligados de España. Entón, estes criollos son os que crean as estruturas legais do país e de aí procede o racismo cara os nativos, por tanto é un raciso estrutural procedente desde as institucións.

-Cando estivo na cadea foi torturado ou usaron algún tipo de método para derrubalo e convencer aos seus compañeiros e compañeiras que desistiran?
Non fun torturado fisicamente, mais a mensaxe estaba implícita no feito de estar na cadea. Se o dirixente está preso, os demais deberan ter medo de non acabar coma el. A idea é silenciar e atemorizar as comunidades, mais isto último non puideron conseguilo. As comunidades seguiron para adiante manifestándose, igual que eu. Escribín moitas cartas desde a prisión para informar do que pasaba ao resto do mundo. Despois de visibilizar esta criminalización sobre a miña persoa, moitas organizacións comezaron a pronunciarse, mesmo a ONU e a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) denunciaron o meu caso. E desde todos os niveis do organismo xudicial foron atrasando o proceso, creo que ese é o tipo de tortura que sufrín. A pesar dos recursos presentados, nunca se atendeu debidamente o proceso contra a miña persoa. Esa é a tortura do estado, martirizar a persoa na prisión e que non avancen os procesos para que estea un período longo de tempo na prisión.

Fixeron crer a millóns de guatemaltecos e guatemaltecas que a miña persoa é un criminal e un delincuente

-Teme que o 'narco' poida estar detrás de  moitas das operacións e accións que levaron adiante no seu país e contra o seu pobo e a súa persoa?
Non podo aseverar se o narco estea detrás desas operacións mais pode que si estean as mafias internacionais. Florentino Pérez negociou a construción das hidroeléctricas con Otto Pérez Molina, mesmo hai unha fotografía deles dous con Florentino regalándolle ao outro unha camisola do Real Madrid. Este Otto Pérez Molina é unha persoa corrupta e involucrada nas grandes mafias en Guatemala e a nivel internacional. Florentino Pérez fai negocios con el, por tanto isto é un negocio das mafias internacionais contra os pobos orixinarios. O que se ve é o que se sabe. Agora mesmo Otto Pérez Molina está en prisión por estar involucrado coas mafias nacionais e internacionais.

-O exército segue sendo a man executora das accións contrarias ás nacións orixinarias?
Definitivamente o exército ten un papel moi importante, aínda que non dunha maneira moi aberta. O exército adestra e está formado para defender os grandes intereses de empresarios que saquean territorios. Mesmo a Corte de Constitucionalidade sacou unha resolución contra as manifestacións da xente en contra da corrupción, esa resolución ordena que se usen forzas como o exército para disolver as manifestacións pacíficas en Guatemala.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta