Aprobada unha iniciativa do PP xa en marcha, o 'Xuventude Mentoring': o BNG ve neste feito "lixo" e "propaganda"

"Estamos aquí facendo unha inutilidade, estamos a debater pedirlle á Xunta que siga facendo o que xa está a facer; négome a participar en roldas de prensa de propaganda", profundou Iago Suárez no Parlamento, polo BNG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2024 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

O Parlamento aprobou este xoves unha iniciativa do PP que o BNG tacha de "lixo", pois reclama á Xunta "seguir reforzando" un programa, o 'Xuventude Mentoring', que xa existe e "está en marcha", segundo advertiu o PSdeG. Na súa intervención, a deputada do PP Nicole Grueira, que defendeu o texto na comisión de educación, considerou "unha falta de respecto" por parte do nacionalista Iago Suárez as súas palabras sobre a "inutilidade" da proposta. "Non me sorprende para nada a túa intervención... a súa, perdón. Paréceme unha falta de respecto que sexa capaz de aquí, en sede parlamentaria, dicir que un programa que está a axudar a moitos mozos sexa inútil", queixouse.

Pleno do Parlamento de Galicia
Pleno do Parlamento de Galicia | Fonte: PARLAMENTO - Arquivo

En concreto, Iago Suárez, polo BNG, dixo que esta proposición "non vale nin para tirar ao lixo", posto que a ve "propaganda pura e dura". "É lixo, hai que ser claro", incidiu. Ante os requirimentos para retirar estas palabras, sinalou que se o "lixo non vale", táchaa de "inútil". "Estamos aquí facendo unha inutilidade, estamos a debater pedirlle á Xunta que siga facendo o que xa está a facer; négome a participar en roldas de prensa de propaganda", profundou.

Coa proposta, aprobada co voto a favor do PP e a abstención da oposición, a Cámara insta á Xunta "a seguir reforzando o programa 'Xuventude Mentoring' e o 'Programa Xuventude Mentoring na Empresa', co obxectivo de seguir apoiando a transición da mocidade galega do ámbito académico ao laboral". A socialista Silvia Longueira afirmou non entender "isto", posto que o programa "está en marcha e acaban de abrir a convocatoria". "Bueno, paréceme ben, non lle vexo fundamento", sinalou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta