O tempo non se detén! Semella que pasou un lustro e só hai mes e pico dende que un Sol trincado e burlón se xactaba de ser o amo do tempo, alongando as horas, finxindo non ter présa en apoleirarse no apracíbel colo dos mares de Fisterra que o acollían cada bocanoite. A calor intensa, interminábel, convertía as tardes en auténticos calvarios, capaces de sufocar aos corpos máis varudos. Mais, como todo é perecedoiro, por moi longo que fose o día, o ocaso sempre se o aniquilaba con exquisita puntualidade inglesa, para que reinase a noite.
Aquel anoitecer de setembro, ao anunciar o Sol a súa retirada senteime no mazadoiro, agardando a ansiada visita dunha onza de fresco que non daba chegado; talvez porque perdera o tren, ou simplemente porque non lle petaba reconfortarme. Malia todo non perdín as esperanzas. Mentres seguía á espreita, pousei a ollada na lámpada do alumado e vin como unha caterva de mosquitos bailaba arredor da luz a danza da morte. Por fin, a miña cara detectou unha airexa agradábel. Mais pasou de présa, como un alustro, sen ansia de refrescarme. Agracioume, iso si, cunha procesión de ulidos intensos. Olores a herba seca, a chupamel, a ferraña verde... a cervexa fresca; olores que deseguida se confabularon para premiarme con recordos melosos que ían desfilando polo meu adoecido cerebro, ata trocar o abafante sopor en tardes de ledicia, de troula e euforia... en veráns eternos e inesquecíbeis. Marchou a luz e, de volta, chegou canda ela un morcego adoecido que, ao topar contra o farol, espantou os poucos mosquitos que non se acovardaron ou simplemente non foron engulidos polas reviradas artimañas daquel ser desplumado e impertinente.
Eu non comprendía como aromas tan ordinarios podían distraer a miña mente con tantos recordos pretéritos. Entón botei man do móbil e consultei Internet. Así puiden saber que, cando as moléculas olfactivas chegan ao cerebro, buligan e furgan no sistema linfático, ata atopar os recordos que, ao longo da vida, se van almacenando na artesa dos pretéritos. Decontado, o noso estado de ánimo seica reaccionará en función do tipo de lembranza que se evoque e, se esta non existe, a vivencia do momento a escape se asocia a un recordo de felicidade ou tristura, que sempre se presenta dun xeito totalmente inconsciente. «Canto sabe ese tal Internet», pensei.
Xa talmente apampado, foi o ruído dun coche, que non cheguei a ver, quen chamou novamente a miña atención. Pronto saín de dúbidas ao ver como Gloria se asomaba polo canellón. Había tempo que non sabía dela. Viña cunha bolsa na man e trataba de pasar desapercibida, mais ao decatarse da miña presenza detívose un instante para saudar. Seguiu o camiño cara a casa do Néstor e, antes de atravesar a porta, o perfume que a acompañaba aromatizou o ambiente cun doce cheiro a amorodos maduros. Ao pouco, a piques de retirarme, un agradábel olor a patacas fritas con cebola mudoume a idea e fiquei alí fóra para gozar daquel marabilloso pracer, mentres durara. Cando parecía que o cheiro a tortilla se esfumaba, o intenso recendo a pementos fritos non só me remontou a aqueles veráns inesquecíbeis senón que me disparou coma unha bala cara a porta da cociña do veciño, ata o punto de abrila de súpeto. Xa cun pé dentro, ao vir Néstor de cara a porta, escuseime e expliqueille a razón da miña inoportuna actitude. Non necesitou porfiarme para que degustase con eles os incomparábeis e saborosos manxares que, daquela, tamén xa me estaban entrando polos ollos. E así, sen pensalo, foi como gocei das glorias da Gloria. A tortilla de patacas con cebola e aqueles pementos fritos con cachelos perduran, arestora, como os incomparábeis recordos dese verán rabudo que se foi hai un mes e pico, malia semellar que desvaneceu hai unha eternidade.
[O meu tío Lisardo non comprende como pode ser posíbel que, existindo miles de restaurantes, non atopemos un capaz de evocar aqueles auténticos manxares do pasado que nos fixeron gozar tanto, ata o punto de conseguir extasiarnos]