Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2023 | Actualizada ás 14:48
O BNG interpelará á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, no pleno do Parlamento galego desta semana, pola "conivencia" e o "trato de favor" do PP e a Xunta cara a Monbus nas concesións do transporte público. Para formular a cuestión, os nacionalistas lembrarán os fallos xudiciais sobre a "repartición ilegal" do mercado entre Monbus e Alsa, tal e como ratificou o Tribunal Supremo nunha sentenza emitida en outubro; así como o informe do Consello de Contas deste mesmo mes, con varios reproches á xestión da Consellería, entre eles que "non conta cun instrumento de planificación estratéxica" nin con sistemas de certificación e inspección ambiental.
Nunha rolda de prensa ofrecida desde o Parlamento, o deputado do BNG Paulo Ríos insistiu en que Ethel Vázquez debe non só "cesar" senón tamén "explicar" ese "trato de favor e esa conivencia" con Monbus. Todo iso despois dun litixio que saldou o Supremo confirmando que a Comisión Galega da Competencia debía abrir unha investigación contra estas dúas empresas de transporte de viaxeiros (tamén a Alsa), un expediente que se incoou, precisamente, a semana pasada.
Neste contexto, Ríos afeou que o Goberno galego pretendese "tapar a súa conivencia" coa compañía a través de diferentes recursos xudiciais, o que provoca que agora as costas do proceso sexan "cargadas a todos os galegos". Seguidamente, o parlamentario do BNG cuestionou que Competencia vaia a multar a Monbus, porque a propia empresa "xa di que un expediente sancionador non leva necesariamente unha sanción". A xuízo do deputado, existe unha "armazón entre PP, Xunta e a Comisión da Competencia", da que está á fronte Ignacio López-Chaves.
INFORME DO CONSELLO DE CONTAS
Paulo Ríos sumou a todo iso o informe do Consello de Contas de outubro, un "pau aínda maior á Xunta e a Monbus". En primeiro lugar, subliña a "inexistencia dun plan estratéxico" da Consellería de Infraestruturas en materia de inspección, "xusto o que leva dicindo o BNG estes anos". Isto provoca, agregou o deputado do Bloque, que as empresas, "neste caso Monbus", teñan "vía libre para facer o que queiran". Contas, no seu documento, constata a "falta de certificación ambiental" dos autobuses, "tal e como esixen os pregos" de contratación.
Ademais, o nacionalista denunciou a inaccesibilidade das pemes aos contratos do transporte público debido a que os concursos públicos que lanza a Xunta van en "lotes moi grandes". De feito, Contas subliña que houbo "demasiada participación", de máis do 90 por cento, por parte da UTE nas que participaba o grupo Transmonbus. "E iso lévanos tamén a como Monbus tenta eludir, con axuda da Xunta, o número de lotes aos que pode acceder por concesión, que nalgúns pregos establécese en oito", engadiu Ríos. Por todo iso, o deputado interpelará á conselleira de Infraestruturas respecto diso para ver se "despois destes anos dá algunha explicaición, algunha resposta ou datos fiables do que está a ocorrer".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.