Por Ángela Precedo | LUGO | 09/11/2023 | Actualizada ás 22:17
Non hai nada máis galego que un souto de castiñeiros en outono. As follas marronciñas polo chan, o cheiro a castañas, os ourizos medio abertos... En Galicia existen actualmente case 50.000 hectáreas de castiñeiros, na súa maioría, ubicados nos distritos forestais da Fonsagrada-Os Ancares, Terra de Lemos e Valdeorras-Trives. Ademais, a nosa terra é a principal comunidade española en produción e exportación de castañas. De media, prodúcense 20 millóns de quilos deste froito, dos cales a metade se consumen en fresco e outros tantos destínanse á transformación. Esta produción supón un volume de negocio que supera os 50 millóns de euros unha vez se comercializa. Con todo, semella que os propietarios de terras prefiren seguir plantando eucaliptos para alimentar ás pasteiras.
Fronte aos eucaliptos, os soutos de castaños poden ser de dous tipos: soutos mansos, que veñen a ser soutos inxertados, adicados fundamentalmente á produción de castañas; e soutos bravos, con plantas non inxectadas e que poden estar orientados unicamente á produción de madeira; e ambos os tipos se poden combinar, adicando unha mesma plantación a produción de castaña e á tala de madeira cando as árbores alcanzan unha certa idade. Así, mentres os eucaliptos non dan froito posible, dos soutos mansos pódense sacar castañas (moitas delas con Indicación Xeográfica Protexida) nun tempo de entre oito de dez anos dende que arrinca a plantación. Deste xeito, Roque Julio Rodríguez Soalleiro, catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), asegura que "os soutos poden ser unha boa alternativa de negocio para os propietarios de terreos tanto agrícolas como forestais".
Por outra banda, cando os castiñeiros xa son o suficientemente grandes, tamén se poden adicar á produción de madeira, aínda que ben é certo que neste caso tardan máis en ser vendibles que os eucaliptos: uns 35-40 anos fronte a 10, respectivamente. Pero, como destaca Rodríguez, "podes orientar os soutos á produción de madeira de gran calidade, porque existe tamén unha intensa actividade tanto de corta de madeira como de transformación da madeira de frondosas arredor do castiñeiro", que, ademais, "é unha especie caracterizada como clase resistente para uso como madeira estrutural, e ten bastante potencial como madeira". Lamentablemente, evidencia que "si que é certo que moitos propietarios seguen optando polo eucalipto, porque obteñen rendementos económicos nun prazo de tempo inferior".
"OS CASTIÑEIROS ESTÁN MÁIS ACEPTADOS SOCIALMENTE E TEÑEN MÁIS AXUDAS"
Aínda así, o catedrático da USC destaca algunhas das vantaxes da plantación de castiñeiros fronte a de eucaliptos: "Os castiñeiros son unha alternativa mellor aceptada socialmente e con máis axudas dende o punto de vista das subvencións e do plan estratéxico da PAC". Ademais, tendo en conta "as restriccións legais que agora se impoñen ás plantacións de eucalipto, en situación de moratoria na que non é posible facerse con novas plantacións, pode ser unha boa alternativa, porque o castiñeiro, de acordo coa normativa vixente, é moito máis fácil de plantar en diferentes terreos". E, a pesar de que se tarda máis tempo en poder cortar a madeira, a produción obtida soe estar moi valorada, pola súa gran calidade.
Rodríguez expón que "no caso dos eucaliptos non hai unha única especie, ao menos temos que falar de dúas importantes, 'globulus' e 'nitens', e case sempre se emprega esta árbore para fabricar pasta de papel, aínda que pode ter algúns usos alternativos, por exemplo o 'globulus' tamén se emprega para bateas, cando se cortan árbores moi vellas". No caso do castiñeiro, "a súa madeira, como madeira de frondosa que é, ten unha boa resistencia mecánica, é fácil de traballar e, moi habitualmente, tívose usado en construcións rurais tradicionais, empregándose en mobles, portas, ventás e mesmo parqué, porque trátase dunha madeira moi dura e cun abano de usos bastante interesante".
"NON HAI UNHA DINÁMICA MOI ACTIVA DE PLANTACIÓN DE CASTIÑEIROS"
A parte negativa atópase tamén no mantemento dos soutos, que precisan de máis coidados que os eucaliptais. Polo xeral, "as plantacións de castiñeiro requiren máis coidados, porque precisan dalgúns regos adicionais, polo menos durante o primeiro ano, e tamén de desbroces, ao igual que lle sucede a outras especies forestais, e adoitan ter algunha problemática dende o punto de vista sanitario que afecta moito ao propietario, que ten que estar moi pendente de como podar, para intentar non expandir o coñecido como 'cancro do castiñeiro' (enfermidade fúnxica), estando tamén alerta coa 'avispilla' do castiñeiro que aínda persiste en zonas costeiras con presenza importante, pese a que no interior non hai un problema tan grande con ela". Ademais, "a planta tamén adoita ter un prezo maior" á hora de buscala no mercado para a súa plantación.
Así as cousas, Rodríguez indica que "os propietarios dos soutos actuais adoitan ser xentes que aínda están moi ligadas ao medio rural, ou que teñen unha presenza clara nel, polo que levan a cabo unha xestión máis intensa". Deste xeito, e por desgraza, na actualidade "non hai unha dinámica moi activa de plantación de castiñeiros, como si lle pode suceder a outras especies". De feito, "hai un plan estratéxico do castiñeiro que plantexa unhas cifras de repoboación anual dunhas 2.000 hectáreas, e eu creo que aínda nos falta para chegar a eses niveis", afirma o catedrático da USC.
"O CASTIÑEIRO É UNHA OPORTUNIDADE E UNHA ESPECIE CON IMPULSO A FUTURO"
Con todo, o castiñeiro "é unha árbore que pode ser moi útil nalgunhas figuras de recuperación agraria, por exemplo, no ámbito das aldeas modelo, ou dos polígonos agroforestais que soen establecerse arredor de núcleos rurais que, xa de por si, por normativa, teñen que ter unha zona de xestión da biomasa de 50 metros ao seu redor na que hai especies que están totalmente prohibidas por normativa, porque son máis propensas a expandir incendios severos", asegura o catedrático da USC. Nestes ámbito, Rodríguez amósase convencido de que "o castiñeiro realmente si que é unha oportunidade".
Pero para que esa oportunidade sexa aproveitable, aínda se precisa de certo pulo por parte das administracións. "Tanto dende as propias administracións como dende as antigas oficinas de extensión agraria, agora chamadas oficinas agrarias comarcais, e tamén dende as universidades, débese facer difusión do castiñeiro e das súas posibilidades, para convertilo unha especie coñecida, e para que os agricultores coñezan as medidas que existen de apoio a actividades realizadas con el, así como toda unha rede de empresas de servizos forestais que poden abordar os propios traballos de plantación e a solicitude de subvencións e a xestión das mesmas", detalla Rodríguez, que traslada aos propietarios de fincas que "hai asociacións de propietarios forestais que tamén lles poden asesorar ao respecto". "Con todo isto entendo que o castiñeiro será unha especie con impulso a futuro", conclúe este experto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.