Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2023 | Actualizada ás 14:51
O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, instou ao Executivo galego ao diálogo co Goberno central en relación coa lei do litoral autonómica, ao ser preguntado pola mesma durante unha visita ao Centro Tecnolóxico CETIM de Culleredo. Tras o recurso presentado ante o Tribunal Constitucional polo Goberno central e a decisión de suspensión da aplicación dun 40 % da lei, asegurou que "a vía" por parte da Xunta "non era subirse ao cabalo da confrontación, senón sentar co Goberno do Estado".
"Pero Rueda elixiu o camiño sen saída na lei do litoral, non sentar a falar", sinalou para reprochar que se optase por unha tramitación "urxente" buscando, ao seu xuízo, "un rédito electoral" de face ás eleccións xerais. "Que beneficio sacan os galegos desa confrontación, ningún", preguntouse Besteiro que respondeu tamén a esa mesma cuestión. "Non escolleu ningunha das vías posibles", dixo ao incidir en que houbo máis opcións que as expostas pola Xunta.
ACORDO DE INVESTIDURA
Noutra orde de cousas, e cuestionado sobre o acordo de investidura co BNG, destacou a importancia do mesmo "para o futuro de Galicia" e, entre outras cuestións, citou que se prevexa "aumentar a capacidade de autogoberno". No ámbito local, preguntado polo porto da Coruña e o futuro dos peiraos, recalcou que se concreta "colaborar no desenvolvemento desa zona e tomar os instrumentos necesarios para facelo efectivo". Destes, dixo que están "en mans das administracións". Xa sobre a visita á sede do CETIM, considerou que en materia de innovación a Xunta "non fixo o suficiente". "Hai que superar as páxinas en branco do I+D+i en Galicia", aseverou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.