Colexio de Enxeñería Informática denuncia "agravio" nun proceso de selección da Xunta que o TSXG avala

Segundo o CPETIG a convocatoria permitía o acceso a calquera titulado de grao ou licenciatura, aínda que os seus estudos non tivesen que ver co temario de referencia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2023 | Actualizada ás 17:03

Comparte esta noticia

O Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) volveu a denunciar o "agravio" que sofren estes profesionais no proceso de selección de persoal da Xunta para o acceso ao subgrupo A1 de Administración Xeral, na escala de sistemas e tecnoloxías da información, xa que a convocatoria abriuse a todos os titulados, de calquera licenciatura ou grao.

O CPETIG presentou recurso contencioso administrativo contra a resolución da Xunta, de decembro de 2021, pola que se convocou ese proceso selectivo, pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou sentenza desestimando dito recurso e avalando a resolución da administración autonómica.

Na súa sentenza, o alto tribunal galego sinala que o proceso de convocatoria cumpriu coa normativa e que non hai indicios que leven a presentar unha cuestión de inconstitucionalidade con respecto a esa norma. Así mesmo, apela á xurisprudencia para sinalar que, nos procesos selectivos de persoal, debe prevalecer o principio de liberdade de acceso con idoneidade para cubrir os postos.

O ente colexial solicitaba que se anulase a convocatoria "por non ser conforme a dereito" e que se establecese como requisito para acceder a esas prazas "estar en posesión de titulación de licenciatura ou grao en Enxeñaría Informática ou, subsidiariamente, aquelas titulacións que teñan relación directa co temario da convocatoria e funcións do posto e, en todo caso, pertencentes á mesma rama de coñecemento da Enxeñaría Técnica en Informática ou Enxeñaría Informática".

Segundo sinala o CPETIG, a convocatoria permitía o acceso a calquera titulado de grao ou licenciatura, aínda que os seus estudos non tivesen que ver co temario de referencia, "o que imposibilita que se presupoña que os titulados conten coa capacidade e habilitación adecuadas para desenvolver o posto ofertado".

CAMBIO NOS CRITERIOS DE SELECCIÓN

Tras coñecerse o fallo do TSXG, o organismo lamentou que se manteña un "inaceptable agravio" e instou á Xunta a redefinir os seus criterios de selección de persoal, como fixeron outras Comunidades Autónomas.

Ademais, advertiron de que esta situación se dá tamén noutras convocatorias, como as substitucións ou interinidades para postos de profesorado na área de Informática, onde se permite o acceso ao corpo de mestres, profesores de ESO, profesores técnicos de FP e profesores de escolas oficiais de idiomas que imparten os ensinos regulados.

En todo caso, o Colexio sinalou que o fallo do TSXG "non modifica nadiña de nada" a súa intención de seguir defendendo os interses dos profesionais do sector, ante un "agravio dobre", porque calquera pode optar a estas prazas, pero noutras escalas, como Enxeñeiro Técnico de Minas, Enxeñeiro Técnico de Obras Públicas, Enxeñeiro Técnico Industrial, Topógrafos ou Arquitectos Técnicos, si se piden as titulacións que corresponden a esas nomenclaturas.

Finalmente, lembraron que "non existe na actualidade nin un só servizo público que non dependa estreitamente da Informática", polo é "un asunto de vital importancia" escoller aos profesionais máis capacitados para desenvolver tarefas específicas que requiran estes coñecementos.

Sede do TSXG
Sede do TSXG | Fonte: Xunta - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta