Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2024 | Actualizada ás 13:14
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña fixou para este martes, día 17, o xuízo contra unha muller que, presuntamente, estafou 71.900 a un home co que contactou por Internet e do que finxiu namorarse para que lle transferise diñeiro.
De acordo co escrito de cualificación fiscal, en setembro de 2017, a vítima decidiu pór un anuncio na sección de contactos dun xornal dixital no que fixo constar que necesitaba compañía, deixando o seu número de teléfono por se algunha muller estivese a buscar o mesmo que el e co obxectivo de conseguir unha relación estable de parella.
A acusada, con residencia en Leganés, viu o anuncio e púxose en contacto con el facendo crer que estaba interesada nesa relación estable e que tiña intención de trasladarse ata A Coruña para vivir xuntos e casar "cando en realidade o único que buscaba era conseguir --do home-- a maior cantidade de diñeiro posible".
Para iso, engade o Ministerio Público, convenceuno de que se namorou del para, a continuación, comunicarlle "diversas adversidades ficticias das que era vítima ata conseguir un estado de dependencia emocional, momento que aproveitou para solicitarlle diversas cantidades de diñeiro".
En concreto, indica que o home lle chegou a transferir 71.900 euros, "que a acusada ía retirando e dispondo en canto chegaban á conta bancaria da súa titularidade ata deixala sen fondos". Para obtelo, sostén que lle dicía "unha serie de situacións que non se correspondían coa realidade" como que os seus pais ían perder a casa en Romanía e que ela non tiña diñeiro suficiente para axudalos ou que o seu pai fora ingresado. O Ministerio Público indica que a vítima, para conseguir o diñeiro, "solicitou 20 préstamos a distintas entidades por un importe total de 38.749,53 euros".
Cando xa non puido conseguir máis, ela deixou de contactar con el ata que, con posterioridade, volveu pedirlle 15.000 euros "para custear unhas inxeccións que se vendían só en Estados Unidos". Nese momento o home "xa se decatou de que todo o que lle dicía era mentira polo que non lle entregou ningunha cantidade de diñeiro", argumenta Fiscalía. Fiscalía considera os feitos constitutivos dun delito de estafa agravada e pide para ela tres anos de prisión. O xuízo foi sinalado xa en 2022, pero naquela ocasión tivo que suspenderse ao atoparse a acusada en busca e captura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.