Lores mostra "vontade" de entrar no ente supramunicipal de xestión da auga sen que "prexudique a Pontevedra"

O rexedor pontevedrés engadiu que a solicitude de concesión provisional de caudal para fornecer en alta ao resto de municipios deberá efectuarse sen cargo para esta administración.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2023 | Actualizada ás 16:37

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, expresou a "vontade política" do Goberno local para que o Concello participe nun ente supramunicipal de xestión da auga, aínda que espera "que non prexudique aos intereses de Pontevedra".

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra, celebrada este xoves, acordou o inicio dos trámites previstos na lexislación para constituír unha futura entidade supramunicipal que ostentará a condición de concesionaria e titular das infraestruturas de abastecemento de auga aos municipios integrados de Sanxenxo, Poio, Marín, Vilaboa e Ponte Caldelas, ademais do propio concello da capital.

Fernández Lores advertiu de que a constitución deste organismo, xa sexa unha mancomunidade ou un consorcio, "non é algo fácil de facer" e tamén lembrou que é un tema "que vén de vello" pois "xa se falou nos anos 90".

"Por suposto, hai vontade política de constituílo e a única condición, incluída no punto sexto deste acordo, é que a constitución dese ente que se poida acordar non xerará gasto adicional ningún ou incremento de custos ao Concello de Pontevedra, nin aos seus cidadáns e empresas", manifestou o alcalde.

Ademais, o rexedor engadiu que a solicitude de concesión provisional de caudal para fornecer en alta ao resto de municipios deberá efectuarse sen cargo para esta administración "sen renuncia das concesións de caudais que dispón este Concello" e, ao mesmo tempo, será considerada como "ampliación que permita abastecer tamén as obras de despregamento das novas redes de auga en execución en Pontevedra". Así, o abastecemento de auga ao polígono empresarial da Reigosa deberá quedar excluído por ser obxecto dun convenio entre dous concellos (Pontevedra e Ponte Caldelas).

RESIDENCIA DE ILUNION

Nesta mesma comparecencia ante os medios de comunicación o alcalde tamén anunciou que a Xunta de Goberno Local celebrada á primeira hora aprobou a licenza para a construción da residencia de maiores da empresa Ilunion nos antigos terreos de Tafisa.

Segundo os datos facilitados polo Concello, este proxecto conta cun orzamento de 7,3 millóns de euros para a construción dun edificio de seis plantas máis baixo cuberta que ofrecerá 126 dormitorios (24 dobres e 102 individuais) e 24 apartamentos tutelados.

Fernández Lores destacou que esta nova residencia "suporá un incremento da oferta neste ámbito por parte dunha fundación de interese social como é Ilunion". Pontevedra ten a día de hoxe catro residencias para maiores, hai outras dúas máis en construción e agora sumar esta.

Río Lérez ao seu paso por Pontevedra
Río Lérez ao seu paso por Pontevedra | Fonte: CONCELLO DE PONTEVEDRA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta