Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2023 | Actualizada ás 12:08
A Consellería de Sanidade comprometeuse coa Asociación Nacional de Pacientes con EPOC (Apepoc) a traballar no infradiagnóstico e a sensibilización da EPOC coa sustentabilidade como eixo vertebrador. Segundo explican nun comunicado, a asociación reuniuse co conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, e coa xerente do Sergas, Estrela López Pardo, para traballar sobre diferentes liñas de acción por mor da celebración do Día Mundial da EPOC.
A portavoz, Nicole Hass, recoñeceu o labor do Sergas na detección temperá da EPOC en comparación con outras comunidades autónomas, pero reivindicou a necesidade de elaborar un plan de choque "para que Galicia lidere a redución de infradiagnóstico dunha enfermidade que se erixe como a cuarta causa de mortalidade en España".
Doutra banda, a APEPOC compartiu a lema deste Día Mundial da EPOC, 'Unha sanidade polo planeta', pondo o foco na importancia de combater o cambio climático tan daniño para os pacientes respiratorios. "Non debemos esquecer que as emisións de CO2 son un factor que incrementa as exacerbacións da EPOC nos nosos pacientes. Por iso desde APEPOC comprometémonos a loitar na redución da pegada de carbono da nosa patoloxía, aliñándonos coas sociedades científicas e recomendando o uso dos inhaladores de po seco sempre que así sexa posible", indican. Destacan que os inhaladores presurizados supoñen unha cantidade de emisións que, paradoxalmente, prexudican aos propios pacientes respiratorios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.