Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 14/11/2023 | Actualizada ás 12:02
As fortes choivas das últimas horas deixaron unha chea de incidencias na comarca de Ferrolterra, a máis afectada o temporal segundo os rexistros da Central de Atención ás Emerxencias-112. De feito, segundo informou o 112, o Grupo de Apoio Loxístico da Axega colabora cos equipos locais de emerxencia para facer fronte aos efectos das inundacións en Fene.
PLAN INUNGAL
De feito, a Xunta mantén activo o Plan de Protección Civil Inungal ante a posibilidade de desbordamentos, como así ocorreu en Neda, onde varias vivendas resultaron completamente alagadas polo crecemento do caudal dos ríos, na parroquia de Santa María. Aínda que o 112 sinala que ninguén sufriu danos, a situación é complexa, tanto pola altura da auga como pola corrente (son como riadas), o que dificulta o acceso, polo que moitas persoas quedaron atrapadas nas súas propias casas. Segundo informou o Concello de Ferrol, no marco das actuacións dos bombeiros dúas persoas foron rescatadas e polo menos catro quedaron confinadas na súa vivenda.
DIFICULTADES EN FENE
Na mañá deste martes, os técnicos do Grupo de Apoio Loxística da Axencia Galega de Emerxencias con material e maquinaria destinada á extracción de auga. Nun primeiro momento, intervirán en Fene, na Estrada da Palma, onde un escenario semellante impide o acceso a vivendas e, por tanto, ás persoas. Durante esta madrugada, a situación neste municipio foi empeorando debido ao aumento do nivel da auga, que, ademais, alcanzou unha forza tal de arrastre que fixo moi difícil a chegada dos equipos de emerxencias.
Pola súa banda, segundo informou o Concello de Ferrol, en doce horas acumuláronse 78,2 litros por metro cadrado e unha pa tivo que retirar á primeira hora da mañá a terra dun noiro que caeu na estrada de Fontá, en Doniños. Desde a medianoite, os bombeiros de Ferrol tiveron que realizar numerosas saídas por inundacións na avenida do Mar e de Esteiro na estrada de Trincheira en Telleiras, intervencións ás que se sumaron ás 10,00 horas balsas de auga en Santo Antonio da Cabana, na avenida Grandal número 189 e no lugar de Brión, onde entrou a auga a varias vivendas.
MÁIS DE 220 INCIDENCIAS EN GALICIA
O 112 Galicia xestionou desde o mediodía do luns ata as 8 deste martes un total de 220 incidencias relacionadas coa situación meteorolóxica e hidrolóxica, das cales 50 producíronse durante a noite, isto é, desde a medianoite ata as 8 horas do martes. A maior parte das intervencións (112) estiveron motivadas polas inundacións en rúas, estradas, vivendas, baixos e garaxes. En menor medida, rexistráronse árbores caídas (47) e desprendementos de terras e pedras (16).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.