Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2023 | Actualizada ás 14:38
Profesionais médicos participantes no congreso que a Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (Aseica) celebra na Coruña reclamaron impulsar os centros de investigación básica para a abordaxe desta enfermidade, na que destacaron a importancia da inmunoterapia ou o medicamento de "precisión" para o tratamento da mesma. Fixérono nunha comparecencia informativa tras a inauguración, no recinto feiral ExpoCoruña, do congreso, que se celebra coincidindo co 40 aniversario da Aseica e coa participación de medio milleiro de persoas.
Sobre o contido da xornada, a presidenta de Aseica, Marisol Soengas, expuxo que un de cada dous homes e unha de cada tres mulleres "van ter cancro" polo que remarcou a importancia da investigación para mellorar os diagnósticos e o tratamento. A iso, sumou a necesidade de "mellorar nos aspetos de prevención". Por outra banda, pediu "equidade no diagnóstico" de forma que as persoas que vivan no rural teñan as mesmas posibilidades que as que viven en cidades e, especialmente, resaltou a importancia disto en comunidades como a galega.
DEMANDAS
Financiamento para dispor de medios e contar con profesionais "motivados e ben tratados" foron outras das demandas expostas por parte dos promotores deste congreso. Así o manifestou o vicepresidente de Aseica, Rafael López, quen, por outra banda, incidiu na importancia do "medicamento de precisión" para a abordaxe desta enfermidade.
A mesma, explicou, naceu fai uns dez anos en Estados Unidos e consiste en solicitar toda a información do paciente, tamén cuestións como os hábitos ou o medioambiente, para tratar o seu cancro. Pola súa banda, o doutor Luís-Paz Ares destacou a importancia da inmunoterapia, convencido, ademais, de que "sairán novas modalidades" para o tratamento desta enfermidade.
RECURSOS
No acto oficial de apertura, participaron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey. Rueda destacou, na súa intervención, a importancia da investigación e os avances no diagnóstico e tratamento do cancro, así como a necesidade de que estes profesionais conten con recursos.
Ademais, aludiu a iniciativas postas en marcha en Galicia como un mapa xenómico no que participarán 400.000 galegos, de face a analizar o seu ADN e contar cun diagnóstico precoz ou a localización en Santiago do centro de protonterapia. Na mesma liña, a alcaldesa reivindicou os "avances" na investigación e na abordaxe do cancro.
Sobre a situación en Galicia, o doutor Rafael López pediu "máis ensaios clínicos en fases temperás" e que a investigación estea "máis preto da clínica", ademais de financiamento e unha mellora da organización en liña co exposto a nivel estatal. "Galicia necesita mellorar en investigación, hai moito potencial, pero está por baixo en I+D+i", precisou Marisol Soengas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.