Enfermidades que ameazan aos nosos castiñeiros: da tinta ao cancro pasando pola vespiña. Como detectalas e combatilas?

No século XVIII a entrada dun patóxeno levouno case á extinción e nos últimos corenta anos semella que está a rexurdir a febre da súa plantación a nivel mundial. Da man da profesora da USC Fina Lombardero vamos coñecer as pragas que máis preocupan a día de hoxe aos agricultores galegos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 18/11/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O castiñeiro sempre foi un elemento clave dentro da economía rural galega, tanto pola súa multifuncionalidade como por tratarse dunha árbore moi vencellada co rural. Non hai casa en Galicia que non teña un castiñeiro preto ou que no seu interior non conte cunha viga, unha mesa ou unha porta feita con madeira de castiñeiro. Por desgraza, é unha especie fortemente ameazada, tanto polas pragas chegadas dende outros lugares do mundo, como pola súa substitución en prol do eucalipto. No século XVIII a entrada dun patóxeno levouno case á extinción e nos últimos corenta anos semella que está a rexurdir a febre da súa plantación a nivel mundial.

Avespiña asiática, na bugalla dun castiñeiro
Avespiña asiática, na bugalla dun castiñeiro | Fonte: USC - Arquivo

Os motivos? Quizáis pola revalorización do consumo de castaña en fresco, polo desenvolvemento da industria transformadora e pola comercialización de novos produtos elaborados sen gluten (a castaña é baixa en gluten). Sexa polo que sexa, o certo é que están creándose moitas novas plantacións en Galicia. Haberá que ver se logramos recuperar esa importancia que o castiñeiro tivo no pasado. 

Con todo, o que podería ser, a priori, unha boa noticia, pode converterse nalgo moi malo. Como explica Fina Lombardero, profesora titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela (USC) nunha conferencia no seo dunhas xornadas organizadas pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), "cando unha especie se pon de moda non sempre se fan as cousas ben, todo o mundo empeza a plantar sen ton nin son, e non todo serve para todas partes, polo que precisamos de coñecemento para non repetir erros do pasado, pois senón en dez ou vinte anos podemos ter Galicia chea de masas de castiñeiros débiles atacadas por todo tipo de patóxenos".

E é que o castiñeiro semella ser unha árbore moi atractiva para todo tipo de fungos, seudofungos, virus e insectos. Nunha sociedade na que hai maior mobilidade que nunca, as barreiras físicas que antes non podían atravesar estas pragas, desaparecen: un insecto pode poñerse de América a Galicia en seis horas, pegado a un humano ou á súa equipaxe. Da man desta experta vamos coñecer as enfermidades que máis preocupan hoxe por hoxe aos agricultores galegos.

A TINTA DO CASTIÑEIRO

Foi a primeira das doenzas que chegou atacando ao castiñeiro en Galicia, xa fai uns anos. Está causada por un organismo chamado 'Phytophthora Cinnamomi', "unha especie moi complexa, que aínda non sabemos ben como clasificar", afirma Lombardero, pois "fai uns anos diciamos que era un fungo, pero agora sabemos que está máis preto das algas, pois as súas paredes son de celulosa, non de quitina, e as súas esporas non son arrastradas polo vento nin por insectos, senón que son móbiles, capaces de nadar pola auga e desprazarse de xeito autónomo na procura de raíces que atacar". Así as cousas, hoxe fálase del como un seudofungo. Para facerse a unha idea do perigo que encerra esta especie, xa cando se describeu, se lle puxo ese nome, que significa 'destrutor de plantas'. 

Tinta do castiñeiro
Tinta do castiñeiro | Fonte: Commons

Este seudofungo é orixinario de Papúa-Nova Guinea ou do sudeste asiático. Detectouse en Portugal no ano 1838, pero apareceron datos de que en España podería estar dende 1836, porque nese ano un pobo da Serra de Gredos perdeu importantes masas de castiñeiros con sintomatoloxía compatible co ataque deste organismo. Os danos que causa, como apunta a experta da USC, son moi difíciles de calcular, pero no 1925 dicíase que desapareceran o 60 % dos castiñeiros da provincia de Lugo e no 1936 falábase de 730.000 castiñeiros arrasados só nesta provincia. Ademais, esta lacra pode atacar ata 5.000 especies vexetais diferentes, non é exclusiva do castiñeiro, polo que pode irse desprazando entre elas, sendo tamén responsable dos danos da sobreira e da enciñeira no sur de España, causando moitos problemas tamén na nogueira e nas plantacións de aguacate, mesmo nos piñeiros e no carballo americano. Non se lle escapa nada e pode arrasar plantacións de grande interese económico e comercial.

Recoñecer unha árbore infectada é sinxelo, coas pautas que dá Lombardero. A árbore comézase a por amarelenta e as follas comezan a murchar, os ourizos saen máis pequenos do normal e a planta non crece correctamente, compáctase. No interior, se a cortamos, podemos ver que hai partes negras, pola zona de podredume pola que avanza o organismo. E no tronco, ademais, pódese ver unha especie de verquido na cortiza de cor negra escura, que recorda á tinta, de aí o nome da enfermidade: a tinta do castiñeiro. Os danos que poida causar, como evidencia a experta, van depender moito das variedades plantadas, se son máis ou menos resistentes; das condicións climáticas, se son máis ou menos favorables para este seudofungo; e da man do home, se lle causou danos ao sistema radial da planta con podas ou limpas. E é que este organismo pode vivir no solo latente, sen atacar a ninguén, durante moitos anos e, cando atopa temperaturas favorables (duns dez grados) e humidade alta, saca as esporas que se desprazan nadando pola auga que haxa no solo ata as raíces a atacar.

Cando as esporas chegan á raíz, forman un tubo xerminal que se crava nela e en tres horas e media dende a súa chegada, xa comeza a destruír as paredes celulares. Compórtase, neste caso, segundo Lombardero, coma un fungo, pois vai destruíndo as células da planta ao seu paso, que comezan a colapsar e morren. Entón o organismo evoluciona de biotrofo (que se alimenta de materia viva) a necrotrofo (alimentándose xa de materia morta). O gran problema é que, ademais, produce esporas de resistencia ao seu paso que poden volver xerminar en calquera momento. Unha vez ocorre isto, o fungo segue avanzando ata chegar aos texidos vasculares da planta, impedíndolle así que a auga e as sales minerais poidan subir para alimentala, cousa que fai que esta decaia ata a morte. Entre os castiñeiros, hai unha especie de castiñeiros asiáticos que, sendo da mesma zona de procedencia do fungo, e acostumados a loitar contra el en Asia, fixéronse máis resistentes, pois contan con paredes celulares que se endurecen cando ven que chega o invasor, para evitar a súa entrada.

Lombardero lamenta que, a día de hoxe, "non temos contra a tinta ningunha estratexia que funcione plenamente". E é que "podemos controlala nunha zona, pero ten unha gran capacidade para producir esporas que se desprazan polo solo e tamén esporas de resistencia que o fan difícil de erradicar". Por iso sempre se recomenda comezar por plantación con castiñeiros sans, libres de patóxeno. Ademais, "non deberiamos nunca instalar castiñeiros en zonas que encharcan, porque á tinta gústalle que haxa auga para desprazarse, e se temos un problema de encharcamento rapidamente hai que drenar a auga". Así mesmo, hai estratexias preventivas, que pasan por usar especies de castiñeiros tolerantes, de feito, dende 1926 empezáronse a cruzar en Galicia individuos do pais con individuos asiáticos para falecelos máis resistentes. "Se nos fixamos no mapa de risco de sufrir tinta en Galicia, vese que naquelas zonas onde a temperatura do mes máis frío supere os 3 graos, sempre se debe meter planta resistente, porque á tinta gústalle ese ambiente, non o de zonas máis frías de alta montaña, onde a súa incidencia é menor", conclúe a experta.

O CANCRO DO CASTIÑEIRO

Tamén chegou a Galicia procedente de Asia. Trátase dun fungo, chamado 'Cryphonectria parasitica'. E describiuse por primeira vez fóra de Asia no zoo do Bronk, en Nova York, no ano 1904, nunha planta que viña infectada de Xapón e rematou por causar un dos desastres económicos máis importantes a nivel mundial: nos anos 50 deixou ao castiñeiro americano practicamente extinto, pois estímase que matou a uns 4.000 millóns de exemplares, do que naquel entón eran espectaculares bosques. Lombardero apunta que "esas árbores non morreron de todo, porque o fungo non ataca ao sistema radial da planta, é dicir, non vai ás raíces, porque non pode vivir debaixo do solo". Tanto é así que na zona dos Apalaches hai unha especie de Camiño de Santiago pero onde se vai facendo unha ruta polas cepas dos castiñeiros, aínda vivas. "A cepa lanza un brote, o cancro o mata, lanza outro, o cancro o mata... E así sucesivamente", explica a experta, que indica que "é destas árbores das que se están a día de hoxe tomando mostras para tratar de repoboar Estados Unidos".

En Europa este fungo detectouse por primera vez no ano 1938 en Italia, e espandiuse rapidamente. A Galicia chegaría no 1972, aínda que hai reseñas que din que xa no mesmo ano 1938 estaría presente, pois en Vilamartín de Valdeorras morreran nese ano varios exemplares con sintomatoloxía coincidente co cancro. Como explica Lombardero, "chegou a Europa nun momento no que a tinta estaba causando moitos danos, e a xente estaba desesperada, polo que sabían que había en Asia uns castiñeiros resistentes a esta enfermidade e trataron de introducilos en Galicia, sen darse conta de que traían este problema, o cancro". Afortunadamente, o castiñeiro europeo é algo máis resistente que o americano e por iso aínda chegaron exemplares ata os nosos días, o cancro non acabou con todos. Ademais, aquí a 'Cryphonectria' atopouse cun inimigo natural, un virus que a infecta diminuíndo a súa agresividade, "enfermándoa, o que fai que non teña a mesma virulencia". Por desgraza, "esta doenza causou aínda máis frustración non propietarios que a tinta, polo que se deu unha segunda etapa de abandono dos soutos, subtituídos por eucaliptos e pinos".

Como actúa este cancro? Lombardero apunta a que o primeiro síntoma que aparecería nunha parcela infectada sería a morte dalgunhas ramas do castiñeiro, zona na que se incharía a cortiza e adquiriría unha coloración alaranxada. Esto indicaría que por debaixo estaría avanzando o fungo, e chegaría a causar a morte da planta. As árbores tratan de repoñerse desa perda de ramas producindo novos brotes, pois precisan seguir producindo follas para poder facer a fotosíntese e alimentarse para vivir. Con todo, este fungo é moi agresivo, e invade rapidamente a planta ata causarlle a morte. Ademais, produce unhas esporas na superficie que pode seguir emitindo despois de que a planta estea morta. Así, o resultado final sería a morte completa do castiñeiro e o seu paso ata outras árbores próximas, causando en pouco tempo a morte de todo o souto. Cal é a súa vía de entrada? Calquera. Segundo a experta, a infección entra dende unha ferida, xa se trate dunha rama rota, dun gravado no tronco ou dun dano na cortiza. As esporas deste fungo chegan polo vento ou por insectos e xerminan, introducíndose na planta por esas feridas abertas. As zonas onde se forman as esporas do fungo adquiren unha cor alaranxada. 

Chegados a este punto, e cunha enfermidade tan letal, como podemos previla? En primeiro lugar, segundo destaca Lombardero, mantendo limpas as ferramentas usadas na poda. "Se serramos unha árbore enferma, a serra estará infectada co fungo, e se usamos esa mesma serra noutras árbores e estas teñen unha ferida, o fungo tamén entrará nelas, polo que hai que desinfectar esas ferramentas". Ademais, "nunca se deben deixar as ramas nin os restos da poda caídos na zona, porque as ramas mortas seguen tendo o fungo pululando e pódese dar a reinfección polas esporas". Con todo, a experta asegura que "a xente que se adica á produción de castañas xa ten moito coidado con el", polo que aí non radica o problema, senón "nos castiñeiros abandonados ao borde das fincas, que non son de ninguén ou non se sabe de quen son, inféctanse, morren e bótanlle as esporas do fungo a outras árbores próximas que si están en fincas con propietario".

Outra forma de loita é usando cepas hipovirulentas, que veñen a ser cepas que están enfermas por un virus que pode atacar ao cancro e acabar con el. Pois o cancro cando se atopa con outra cepa compatible únese a ela, fusionándose. O problema está en que o fungo ten moitos grupos de compatibilidade cos que se fusiona e non contamos con todos. Hoxe por hoxe, a Xunta ten en conta oito tipos de compatibilidade vexetal en Galicia, e dispón de catro cepas hipovirulentas que funcionan, polo que pode controlar catro deses oito tipos de fungos. Así, cando se detecta o cancro, o que se fai é mesturar esas catro cepas, demarcar a zona onde está o cancro, facer uns buratiños e inocular as cepas. "Se temos a sorte de que ese grupo atacante que está infectando ao castiñeiro é un deses catro, temos o problema solucionado, pero se é outro, non funcionará a inoculación", evidencia Lombardero, que explica que "por iso se da tanta diversidade de opinións ao respecto, de xente que di que non serve para nada e xente á que lle vai moi ben".

Chegados a este punto, a experta lanza unha mensaxe de concienciación: "Se compramos material para plantar de fóra, por mala suerte pode vir infectado, e entón estamos metendo en Galicia un grupo que non temos agora mesmo, chegando a ter en vez de oito cepas, dez, doce ou as que sexan; por exemplo, en Norteamérica xa non poden empregar esta estratexia de loita porque teñen máis de 100 tipos de compatibilidade vexetativa e non poden facer nada, en Europa hai 73". Así que, "comprade o máis localmente posible", pide Lombardero.

VESPIÑA DO CASTIÑEIRO

Tamén é asiática, orixinaria de China. Entrou primeiro en Xapón, onde supuxo un problema importante. Logo, expandiuse por todo o mundo, considerándose a día de hoxe a praga máis importante do castiñeiro a nivel mundial. En Europa entrou por Italia, no ano 2002, por plantas compradas en Xapón. Calculouse que neste país a presenza da vespiña causou reducións de entre o 40 e o 80 % no número de castiñeiros. Chegou a España atravesando Francia e detectouse por vez primeira en Cataluña, no ano 2012. En Galicia, oficialmente, detectouse no ano 2014, pero os agricultores xa detectaran bugallas (bultos de forma redondeada que se forman en certos vexetais debido á infectación de insectos parásitos) en anos anteriores. A entrada foi tamén pola introdución na comunidade dunha planta infectada, non polo desprazamento deste insecto, que só se pode desprazar un 9 quilómetros ao ano.

Tamén resulta moi sinxelo recoñecer unha árbore infectada, pois, como conta Lombardero, aparecen nela uns bultos, as bugallas, presentes nas follas, directamente nas xemas ou nas flores. Cando o nivel de ataque xa é moi elevado, vólvense case transparentes. E cando ese ataque se produce ano tras ano, as xemas dos anos anteriores son completamente destruídas, quedando só as novas, que son as que producen a folla, polo que semella que a árbore está máis calva. O insecto como tal é unha vespiña moi pequeniña. Só hai femias, que poñen os ovos directamente sobre as xemas do castiñeiro e, cando o fan, non se pode apreciar nada a simple vista, porque os ovos están agochados. "Isto foi un problema grave, porque fixo que moitas veces plantas que semellaban estar sás se movesen dunhas zonas a outras e o problema non se observase ata a primaveira, cando empezaban a saír as follas", explica a experta.

Os ovos tardan uns 40 días en eclosionar e saen as larviñas do primeiro estadío, que se alimentan no interior da propia bugalla. Alí permanecen todo o inverno e, cando o castiñeiro agroma no mes de abril, nas follas aparecen un bultiños moi vermellos ao sol. A medida que pasa a primaveira e crecen as follas, as larviñas séguense alimentando no interior das bugallas, cámaras altamente nutritivas, ata completar o seu desenvolvemento. Logo fan a metamorfose e, xa como adultos, voan, sendo novas vespiñas. Cando se fagan adultos vai depender moito das condicións climáticas da zona de Galicia na que se atopen. Estudos da USC apuntan a que nas zonas costeiras, con temperaturas suaves, as larviñas comezaron a voar na primeira semana de xuño, pero na zona da Lastra non voaron ata finais de xuño, e nos Peares comezaron a voar máis tarde que na costa pero remataron antes. A temperatura elevada fai que o ciclo biolóxico vaia máis rápido, e co cambio climático que está a experimentar Galicia este ciclo pode cambiar entre 10 e 15 días de ano a ano.

Así mesmo, Lombardero afirma que non hai o mesmo nivel de danos en todo o territorio galego. A variable que mellor explica o por que, segundo os estudos da USC, é a temperatura máxima acadada no verán. Á vespiña gústalle o calor. A segunda variable máis importante era a precipitación. Non lle gusta a chuvia. Así, nas zonas de máis calor estaba máis presente, e nas zonas onde chovía moito, menos. Ademais, o seu nivel de proliferación non se mantén estándar no tempo. Cando os niveis de poboación da vespiña son baixos, esta multiplícase rapidamente, duplicando a súa poboación en dous ou tres anos; pero aos catro ou cinco anos, cando xa hai moita vespiña, a poboación comeza a decaer, por un descenso natural debido á competencia entre elas, pois non hai xemas dispoñibles para que todas poidan atacar. De feito, os anos anteriores foron moito máis preocupantes, e neste último parece que esta problemática non é tan grande. Pero, coidado, porque os ciclos repítense, e tendo en conta que a poboación de vespiña está baixa, non tardará en volver multiplicarse.

Grazas aos estudos realizados pola USC, son varias as cousas que sabemos da vespiña a día de hoxe. Lombardero apunta que, "cando chega a un souto, escolle as árbores máis altas, ten preferencia polas árbores grandes, que se pasa varios anos colonizando antes de pasar á seguinte árbore e, nese paso, si que lle dá igual o tipo de árbore que sexa, que a coloniza igualmente". Ademais, estes estudos tamén trataron de averiguar se o feito de que unha planta xa estea infectada previamente por outros patóxenos, como o cancro, facilita a invasión da vespiña. E, o resultado foi que, "aínda que a vespiña non vai buscando as plantas con cancro, o feito de que teñan cancro as favorece, porque as plantas con cancro teñen taninos (usados para defenderse dos fungos) máis grandes, algo que lle gusta moito á vespiña".

Pero a vespiña conta con inimigos naturais, un tipo de parasitoides que viven asociados aos castiñeiros e que a atacan, causándolle mortalidades que van dende un 14 ata un 37 %. Por desgraza, este nivel de parasitismo non se mantén no tempo, comeza moi forte, pero vai decaendo, porque cando a vespiña chega nova aos soutos tende a facer bugallas con un ou dous individuos dentro, pero a medida que a poboación aumenta as bugallas son máis grandes e chegan a ter ata sete individuos dentro, porque ao escasear as xemas a mesma é visitada por varias femias. Entón, os parasitoides, non acostumados á vespiña, chegan tarde a atacar as larvas que aínda están dentro e foron postas por femias máis tardías, só puidendo alcanzar as que xa están fóra. Nos últimos anos tróuxose a Galicia unha especie nova deste parasitoide, chegada tamén de Asia, con ciclos biolóxicos máis compatibles cos da vespiña, polo que se sincroniza moi ben con ela e pode atacala en maior medida.

Cancro do castiñeiro
Cancro do castiñeiro | Fonte: Commons
Vespiña do castiñeiro
Vespiña do castiñeiro | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta