Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/11/2023 | Actualizada ás 14:36
A Garda Civil e o Seprona investigan os danos causados pola retirada dun veleiro varado en praia de Area Maior, no municipio coruñés de Muros, para a que utilizaron maquinaria pesada que atravesou o cordón dunar dunha zona protexida. A embarcación de bandeira eslovaca apareceu a principios deste mes no areal e o tripulante do veleiro foi rescatado nun naufraxio en augas de Estados Unidos.
A alcaldesa de Muros, María Lago, consultada por Europa Press, detallou que o concello tivo coñecemento do que sucedía polo aviso dos traballadores municipais e no momento que recibiron a alerta chamaron á Policía Local e á Garda Civil. A alcaldesa tamén se mobilizou ata o punto e puido constatar que "efectivamente" accederon coas pas polo alto da duna que é unha zona protexida.
María Lago explicou que no concello "non recibiron ningunha solicitude", pero "si" que lles pediron maquinaria. "Dixémoslles que non porque a zona na que as maquinas podería pasar non se pode, que foi por onde pasaron, e polas zonas nas que se podía baixar a maquinaria do Concello non pode ir", puntualizou. Ademais, sinalou que aínda que eles negáronlle a maquinaria "non teñen competencia" para dar autorización de baixada á praia.
Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda confirmou a Europa Press que o responsable "non pediu permiso" ao departamento e que este sábado se desprazou un axente ambiental á zona para avaliar "posibles danos". Desta forma, coas conclusións que arroxe o informe do axente tomarán as decisións e medidas oportunas.
"HAI MOITO QUE ESCLARECER"
Por todo iso, o Concello xa puxo os feitos en coñecemento dos servizos xurídicos para saber cal sería a categorización dos ocorrido e están pendentes do informe sobre os danos causados e das súas dimensións. "Polo que sabemos as forzas de seguridade avalían ese dano producido xa que da avaliación dependerá a categorización do que sucedeu", explicou.
Esa é unha zona onde aniñan aves protexidas polo que temen que rompese algún niño e as consecuencias diso "son máis graves". Polo momento, esta todo en fase de estudo "hai moito que esclarecer".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.