Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2023 | Actualizada ás 16:36
A enxeñeira industrial na rama de mecánica de fluídos, catedrática e doutora pola Universidade de Vigo e directora do Centro de Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais desta a universidade (Cintexc), Concepción Paz Penín (Ferrol, 1969), será distinguida este ano co premio María Josefa Wonenburguer. Para a decisión, comunicada polo último pleno da Unidade Muller e Ciencia da Xunta, tívose en conta, segundo explican nun comunicado, a súa especialización nesta rama da ciencia e o seu elevado índice de impacto como investigadora, entre outras cuestións.
Con distintas publicacións, proxectos e conferencias (dirixiu sete tese de doutoramento e numerosas publicacións en revistas académicas de alto nivel), Paz Penín conseguiu desde 2005 máis de 5,5 millóns de euros de ingresos en proxectos nacionais, autonómicos e colaboracións con empresas; e máis de oito millóns captados en proxectos como investigadora participante. O xurado tamén tivo en conta para a súa elección a súa traxectoria como directora do Cintexc, que exerce desde 2020, no que traballan 175 investigadores integrados en 10 grupos de investigación.
No tres anos de labor, traballou para situar este centro na vangarda da investigación e desenvolvemento en sectores crave para Galicia como o son as enerxías renovables, eficiencia enerxética ou intelixencia artificial, entre outros. Concepción Paz Penín recibiu, ademais, o Premio de transferencia de tecnoloxía da Xunta de Galicia en 2017, e é unha das mulleres recollidas no libro Quero ser investigadora!, editado pola UVigo no 2020 e dirixido á promoción do interese pola carreira científica e investigadora en mulleres novas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.