Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 20/11/2023 | Actualizada ás 21:18
Algunha vez viches unha serie de puntiños no ceo que brillan máis que as mesmas estrelas e se moven todos xuntos en liña recta? Pensaches estar ante ovnis? Pois aínda que ben puidesen parecelo, nada máis lonxe da realidade, trátase dos satélites Starlink, os satélites de Elon Musk que dan cobertura de rede a todas aquelas persoas que teñan instalada a súa antena. E é que Starlink é a primeira gran compañía en ofrecer Internet por satélite en todo o mundo con altas velocidades e baixas latencias. Así que non, non falamos de ovnis, pero case.
A rede de satélites pertence a Space X, a compañía do espazo de Elon Musk. Cada poucas semanas, lánzanse unha tanda de 60 satélites, os cales poden verse a simple vista pola noite se coincide que pasan pola nosa zona. E este mesmo luns, a iso das oito e media da noite, pasaron por Galicia. Así, houbo moitas persoas que os viron e non perderon a oportunidade de tomarlle fotos, sendo conscientes nese momento, ou non ata máis tarde, do que estaban a presenciar.
Se foches un dos moitos que se perderon o espectáculo, tranquilo, non é difícil de observar. Os satélites que conforman a rede de Starlink teñen grandes paneis solares que, ao estar orientados cara o Sol, fan que reflexen a súa luz. De aí o intenso brillo. Isto xera que dende a superficie os vexamos pasar pola noite como se fosen unha estrela movéndose a gran velocidade, e durante uns poucos minutos. E, se temos en conta que a idea é situar en torno a 12.000 satélites en órbita, os lanzamentos son bastante frecuentes e, por iso, son moitas as oportunidades que vamos a ter para poder ver este tipo de espectáculos lumínicos. Podes ver o vídeo nas redes do GC:
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.