Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2023 | Actualizada ás 20:10
O deputado autonómico do PSdeG-PSOE Julio Torrado lembrou este martes, tanto nunha intervención no Parlamento galego como nas súas redes sociais, o asasinato do exministro socialista de Sanidade Ernest Lluch a mans de ETA hai 23 anos, o 21 de novembro do 2000. En concreto, Torrado compartiu no seu perfil da rede social X (antes Twitter) e leu no hemiciclo un artigo escrito por el mesmo no ano 2018, fai cinco anos, no 'Diario de Arousa' rememorando a figura de Lluch e enxalzando a súa capacidade de diálogo
Isto xerou a reacción do PP de Galicia, que a través da súa conta en X criticou a "melancolía impostada" dos socialistas por denunciar ese atentado mentres "aplauden os pactos de (Pedro) Sánchez con Bildu". Este enfrontamento, iniciado en redes sociais, trasladouse tamén ao pleno do Parlamento galego celebrado este martes. Durante o debate dunha moción dos socialistas sobre saúde mental, Torrado tentou ler o mencionado artigo. Segundo fontes do Grupo Socialista, no hemiciclo escoitáronse berros tales como "a culpa é vosa" ou "pactades cos seus asasinos".
"A Presidencia (do Parlamento) vai facer como que non escoitou nada. E creo que fai ben", remachou o socialista, en referencia á vicepresidenta primeira, Elena Candia (PP), que dirixía o pleno. Posteriormente, na súa conta de X, Torrado compartiu un vídeo sobre a súa intervención e denunciou que recibiu "comentarios desmedidos" desde a bancada popular. Sobre esta polémica tamén se pronunciou en redes sociais a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen advertiu: "En política non todo vale, pero o Partido Popular fai moito tempo que decidiu cruzar todas as liñas de decencia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.