Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/11/2023 | Actualizada ás 09:00
Eres dos que aproveita o 'Black Friday' para mercar aquelas cousas que tiña en vista dende fai moito tempo? Ou dos que usa o 'venres negro' como unha oportunidade para adquirir os agasallos de Nadal máis baratos? Pois temos unha mala nova: non todo é o que semella. Os descontos que moitas tendas expoñen durante esta semana (algunhas mesmo o levan facendo xa todo o mes), pode que non sexan descontos como tal, senón unha volta ao prezo orixinal do produto despois de telo inflado en semanas previas para que pareza que agora está máis asequible. Queres saber cales son as marcas de venda que máis usan esta estratexia? Ou que produtos son os máis susceptibles de sufrir estas 'falsas' rebaixas? Continúa lendo, Galicia Confidencial, da man dun estudo realizado pola Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), cóntacho.
A pregunta que plantexa a OCU é sinxela: sobre que base se calculan os descontos, sobre o prezo que se estaba cobrando de verdade ou sobre unha cifra que nunca se pagou en realidade? Por lei, cando se oferta un produto rebaixado, é obrigatorio que apareza con claridade o prezo anterior xunto ao novo prezo reducido. Entón, non é posible a trampa, non? Pois si que o é. Tendo en conta que como 'prezo anterior' débese indicar o menor que se tivera aplicado sobre ese produto nos trinta días precedentes. Pero, que pasa con anteriores? As tendas poden inflar o prezo a comezos de mes para volvelo deixar 'a pre' no 'Black Friday'. Para saber onde se cumpre esta expectativa, a OCU monitorizou os prezos dos establecementos online máis coñecidos polas súas rebaixas nestas datas, recollendo diariamente os prezos dende un mes antes.
Deste xeito, tomaron o prezo que anunciaba un establecemento para un determinado produto e comprobaron se era inferior ao prezo máis baixo ao que o estuvo vendendo nos 30 días anteriores. Así, puideron ver se os establecementos realmente rebaixan os seus prezos, calcular a porcentaxe de produtos que suben ou baixan e ver se verdadeiramente o 'prezo anterior' é o menor que tivo ese produto no último mes. Comparando os prezos de 15.870 produtos de 69 tendas online antes e en 'Black Friday' (datos do ano 2022) confírmase que estamos ante unha estratexia para atraer compradores máis que nun período de ofertas real: só o 2 % dos produtos eran máis baratos no 'venres negro' que nalgún dos días previos. É máis, un de cada tres produtos poderíase ter comprado máis barato no mes anterior. O 64 % restante non variaran de prezo ou igualaban o mínimo do mes anterior.
Moitas tendas online non rebaixaban ningún dos seus produtos por estas datas, como SillasAuto ou Electrobueno. FNAC foi a que máis rebaixas aplicou, no 19 % dos prezos alí recollidos, pero o certo é que os seus prezos en conxunto tamén eran máis altos que no mes anterior. Considerando todas as variacións, os prezos no 'Black Friday' eran un 4 % máis altos que no mellor momento do mes anterior, por termo medio. En tendas como Alcampo, o 61 % dos produtos poderíase ter comprado máis barato noutro intre e os prezos durante eses días foron un 38 % superiores aos mínimos do mes anterior. Vaia ganga... Como nos enganan e como a sociedade está tan alienada que se deixa enganar por unhas grandes letras que poñen 'rebaixas' ou 'descontos'.
ALCAMPO, MEDIAMARKT, SILLAS AUTO E AMAZON: AS PEORES TENDAS 'ONLINE'
Queres saber cales son as coñecidas marcas que máis aplicaron esta estratexia de subir prezos con respecto ao mes anterior? Á cabeza estaría Alcampo, como xa dixemos, onde os prezos foron durante o 'Black Friday' un 38 % superiores aos do mes anterior; seguido, aínda que xa de lonxe, por Mediamarkt e SillasAuto, con prezos un 15 % máis altos; e de Amazon, que se quedou no 14 %. Con prezos un 12 % máis elevados estaría ER-Precios; e cun 10 % aparecería El Corte Inglés. Xa por debaixo do 10 % de diferenza estarían: Neumáticos Online (9 %); PC Componentes (8 %); Carrefour Online, Esmio, Xiaomi e Phone House (7%); Balay, Electronicamente, Neumáticos Líder e Worten (6 %); Electro Costo, Electro Girona, Mercado Actual e Miro (5 %); Electrobueno, Fnac, Electrotes, Neumáticos Pneus Online e Samsung (4 %); 101 Gigas, Andorra Freemarket, Beep, Electroprecio, Etuyo, Kyeroo, Nuevo Electro, Qubbos e Sihogar (3 %); Alternate, Eroski, Dynos, Devoraprecios, Electrónica Vicente, Etendencias, LG, Milar, Oselection, Puntronic, Sillas para Bebés, Tienda Azul, Todo Prix e Siwwie (2 %); Apple, Alsako, Cecotec, Electro Premium, Kompratelo, La Casa del Electrodoméstico, La Tienda del Pingüino, Mielectro, Regalogar, Soy tu Hogar, Tien21 e Vencobaix (1 %).
Por outra banda, houbo establecementos analizados por OCU con tendas en Internet que non modificaron os seus prezos con respecto aos que tiñan os seus produtos hai 30 días. Este foi o caso de Bosch, Click Electrodomésticos, Crioh, Funnatic, Hnos. Pérez e Leroy Merlin. Aínda que visto o anterior puidese semellar unha boa nova, o certo é que non o é, pois se non hai descontos, que sentido ten o 'Black Friday'. Así as cousas, cales son as tendas que realmente si aplicaron rebaixas? Houbo algunha? Lamentamos dicir que dentro destas 69 analizadas pola organización, entre as que se atopan as de maior renome e as de máis altas vendas, non houbo ningunha con descontos respecto aos últimos trinta días. Agora ben, pode ser que nalgunhas si houbese algúns produtos en concreto onde se aplicasen descontos. Así, por exemplo, no caso do Fnac, houbo un 19 % de prezos que baixaron, pero un 36 % que subiron; en Mielectro, baixaron un 5 % dos prezos mentres que subiron un 16 %; e en Miro tamén baixaron o 5 % pero ascenderon o 53 %. No bando contrario, en sitios como Neumáticos Online, os prezos subiron nun 92 %, mentres que só baixaron nun 1 % dos produtos; ou en Neumáticos Líder, onde subiron un 82 % e baixaron nun 2 %; así como en Sillas Auto, con subidas no 80 % e sen ningunha baixada.
GPS, ROBOTS DE COCIÑA E SILLIÑAS DO COCHE: AS MAIORES SUBAS DE PREZO
Seguramente tiveses en mente aproveitar o 'Black Friday' para mercar eses produtos que xa de por si son caros, como poden ser electrodomésticos ou tecnoloxía. Contámosche cales son os tipos de produtos que máis elevan os seus prezos durante esta época do ano, para que non che enganen. Sen dúbida, a palma en subida de prezo con respecto aos últimos 30 días é para os GPS, que se encareceron, segundo indica o estudo da OCU, un 27 %; seguidos dos robots de cociña, que aumentaron o prezo nun 12 % no último mes; e das silliñas do coche para nenos, que o fixeron nun 10 %. Despois estarían cun 9 % os sistemas de audio, as cafeteiras exprés e os wearables; cun 8 % as tablets e as batidoras; cun 7 % os auriculares e cascos, os neumáticos e os repetidores Wifi; cun 6 % os aspiradores escoba, as batidoras de man e as impresoras; cun 5 % os altavoces portátiles, as cámaras, os e-readers, as freidoras, as pantallas de ordenador, os patinetes, as planchas de vapor e os teléfonos móbiles; cun 4 % os aspiradores e os ordenadores; cun 3 % os aspiradores robot, os fornos, os fornos microondas e os televisores; cun 2 % os calefactores, os frigoríficos e conxeladores, as lavadoras, os lavavaixelas, as secadoras e os tostadores; e cun 1 % as placas de cociña e as silliñas de paseo para bebés. Non houbo ningún produto que baixase de prezo nos últimos 30 días nin que se mantivese igual.
OUTRO ENGANO: COMO SE NOS AMOSA O PREZO ANTERIOR DOS PRODUTOS?
Ademais, o engano tamén radica na forma de expoñer o prezo. Así, en moitas tendas, como advirte OCU, o prezo anterior aparece sen especificar, como é o caso de El Corte Inglés ou Tienda Azul, onde simplemente se pon unha cifra tachada sen mencionar a que corresponde e, xunto a ela, indícase a porcentaxe de desconto, o aforro en euros ou mesmo ambas as cifras. Pola súa banda, Amazon adoita amosar tachado o 'prezo recomendado', que é o que aconsella o fabricante e que non se adoita aplicar. Noutros casos usa frases como 'Prezo anterior' ou 'Prezo máis baixo recente' referidas á mediana dos prezos precedentes, sen incluír promocións, a pesar de que a lei esixe que se amose o prezo máis baixos nos últimos trinta días anteriores á promoción.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.