Rueda confirma que non hai crise na Xunta: "Non prevexo ningún cambio"

O presidente galego zanxa así as discrepancias que existen na Consellería de Ecomonía e Industria, entre a conselleira e a directora da Axencia Galega de Innovación. Insiste en que se van manter as axudas á innovación a pesar da aposta do seu executivo pola industria.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/11/2023 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

Non hai nin haberá crise na Xunta e todos os altos cargos manterán o seu posto ata os vindeiros comicios galegos. Foi contundente este xoves o presidente galego para atallar a crise aberta dentro da Consellería de Economía e Industria, entre a súa titular, María Jesús Lorenzana, e a directora xeral da Axencia Galega de Innovación.Patricia Argirey.

Rueda e Lorenzana antes do Consello da Xunta.. Xunta de Galicia
Rueda e Lorenzana antes do Consello da Xunta.. Xunta de Galicia

 

"Un posto depende sempre de quen o nomee e quen o exerce, pero nese sentido non prevexo ningún cambio. Estamos na parte final dunha lexislatura e agardo que a xente que está facendo as cousas bens se manteña ata o final", dixo. Era a resposta á pregunta de Galicia Confidencial sobre a  dimisión de Patricia Argerey, presentada hai uns días por entender que o seu departamento estaba completamente minusvalorado desde a chegada da nova conselleira, María Jesús Lorenzana. Unha dimisión que Rueda non tería aceptado, algo que confirmou este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

 

Rueda tamén se pronunciou ante as dúbidas que hai no sector a investigación e na innovación polo cambio de prioridades do seu goberno en materia de Economía e Industria. Unhas prioridades que a propia conselleira se encargou de definir durante a presentación das contas do seu departamento de 2024 e que distan moito das que tiña o seu antecesor no cargo. Conde apostou polo Polo Aeroespacial de Galicia,  o Polo de Tecnoloxías Cuánticas, o sector biotech, o Polo biotecnolóxico de Galicia da Sionlla e as Unidades Mixtas de Investigación.  Pero o interese do Executivo de Rueda está en potenciar a política industrial e darlle facilidades á implantación en Galicia de grandes industrias e proxectos eólicos ou enerxéticos.

 

"Non me chegou ningún temor ou inquidanza sobre miniminización de axudas a innovación", dixo. De feito, lembrou que na xuntanza mensual deste xoves do Consello aprobouse un paquete de axudas ao i+D+i na investigación "Son axudas continuas no Consello da Xunta", dixo. Por iso, quixo mandar unha mensaxe de "tranquilidade absoluta" ao sector sobre a continuidade das políticas de innovación no seu goberno, "independentemente de quen as xestione".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta