O conselleiro do mar acusa ao TC de estar manipulado polo Goberno e o PSdeG pide a súa dimisión

Nunha entrevista sobre a lei do litoral de Galicia, recurrida polo Goberno ante o Tribunal Constitucional, Villares asegurou que "o TC vai dicir o que lle diga o Goberno". "Un conselleiro non pode dicir iso sen dimitir", asegura o deputado do PSdeG Pablo Arangüena.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 27/11/2023 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

A lei do litoral de Galicia non deixa de dar que falar. A última polémica xestouse a raíz dunha recente entrevista do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, na que aseguraba que "o Tribunal Constitucional vai dicir o que lle diga o Goberno", en relación co recurso que foi presentado polo Goberno central sobre esta lei, ao considerar que invade competencias da administración estatal e que pode ser perxudicial para moitos usuarios e empresas. O deputado do PSdeG Pablo Arangüena pediu manifestamente a súa dimisión tras estas declaracións, pois considera que "un conselleiro non pode dicir iso sen dimitir".

A vicepresidenta segunda e responsable de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, nun encontro con representantes de concellos costeiros para abordar o recurso á lei do litoral
A vicepresidenta segunda e responsable de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, nun encontro con representantes de concellos costeiros para abordar o recurso á lei do litoral | Fonte: XUNTA - Arquivo

Como avogado de profesión, explica na súa conta de Twitter que "un conselleiro pode criticar sentenzas, razoadamente (ademais de acatalas), pero ten que respectar aos órganos xudiciais e moito máis a un órgano como o Tribunal Constitucional, que nin sequera forma parte do poder xudicial, porque é cúspide da arquitectura política e independente do resto de poderes". "Outra cousa é que se poida criticar que esa independencia estea comprometida pola politización das institucións e polo 'lawfare' (do que é campeón o PP), pero iso non permite restar validez ás sentenzas do TC e moito menos descalificalas preventivamente como está facendo o conselleiro", argumenta o socialista.

Ademais, considera que "esa descalificación preventiva do TC erosiona a credibilidade da democracia dende as propias institucións democráticas (como é o Goberno de Galicia) e resulta tan insólita, frívola e irresponsable que pide a berros a dimisión de quen a fai sendo nada menos que conselleiro". Así as cousas, neste contexto, Arangüena cre que "o propio conselleiro debería pensar que a súa afirmación implica non respectar as regras do xogo democráticas (das que é parte o TC), e se non é capaz de evitar pensar (e sobre todo de manifestar) o que dixo, non debería exercer como conselleiro dun goberno autonómico democrático". 

"A súa reflexión non é espontánea, senón froito da frustación do PP de Galicia ante as sentenzas desfavorables do TC en 12 de 14 procesos desde 2009, convertendo á Xunta nunha máquina de perder pleitos constitucionais, tamén o último recurso contra o importo do patrimonio", asevera o avogado e político. Finalmente, asegura que "claro que pode argumentar a favor da lei, pero non debería dicir cousas como 'mólame moito lela, é para enmarcar', especialmente porque como veterinario non creo que teña coñecementos constitucionais para dicir esas cousas". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta