A historia de Pablo González, o xornalista acusado de "espía ruso" e detido nunha prisión de máxima seguridade en Polonia

Oihana Goiriena é a compañeira de Pablo González, xornalista español de orixe rusa baixo detención preventiva en Polonia desde hai dous anos. Ohiana falou con Galicia Confidencial sobre a situación de Pablo González desde a súa detención hai case dous anos. De momento non se presentaron cargos oficiais contra el nin hai probas que demostren labor algún como informador pro-ruso. Un cambio de goberno en Polonia podería darlle a volta á situación.

Por Moncho Mariño | Santiago | 03/12/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-O goberno polaco comunicou xa os cargos polos que Pablo González permanece en prisión?

Oihana Goiriena
Oihana Goiriena | Fonte: ETB

Non, non se emitiron cargos ou acusacións concretas, até o momento seguimos sen saber nada. O que temos son os resultados das vistas de valoración para prisión preventiva, a última celebrouse a mediados de novembro. Isto fano para determinar se ten que seguir en prisión preventiva ou non. O resultado da última vista foi prorrogar a estadía en prisión preventiva e a xustificación foi que aínda están investigando. Mentres, debe permanecer na cadea porque pode obstaculizar a investigación segundo as autoridades polacas. Non presentaron probas definitivas nin cargos concretos, nada.

-Existe unha acusación de espionaxe a favor de Rusia. Que elementos ou indicios ten Polonia para facer esta acusación?
Si, esa é a acusación formal, a de tipo penal. Sobre as acusacións de espionaxe para Rusia, non sabemos cales son os fundamentos destes cargos. Poucos días despois da detención e formular as acusacións, desde o goberno polaco anunciaron a detención dun espía que levaba pasaportes falsos. Nós aclaramos cal era o motivo de ter Pablo dous pasaportes, que non eran falsos pois son del e é a mesma persoa. Tamén argumentaron que usaba a súa condición de xornalista para espiar en diferentes lugares do mundo.

-Pablo naceu en Moscú cando aínda existía a URSS. Pode ser este un motivo para a súa retención?
Eu creo que si. O feito de constar no seu pasaporte e no seu DNI como lugar de nacemento Moscú, tamén o feito de falar ruso e ter dobre nacionalidade, española e rusa, puido ser a causa do erro. Mais nós xa lles dixemos por que ten dous pasaportes e a pesar de ter nacido en Moscú veu con nove anos para España onde leva vivindo trinta e tres anos. Si cremos que esta pode ser a orixe das confusións.

Non presentaron probas definitivas nin cargos concretos, nada

Pablo González
Pablo González | Fonte: X

-Valorouse a idea de que a detención sexa un aviso desde Polonia: “perseguiremos os espías que veñan”?
Eu vexo todo como un aviso para xornalistas e informadores independentes. Pablo é xornalista freelance especializado no espazo post-soviético, levaba moitos anos centrado nesa zona e tiña amplos coñecementos da realidade ucraína. El estivera no Euromaidán, na guerra do Dombás, entrevistou tanto a integrantes do Batallón Azov como integrantes do Batallón Somalia que eran a parte pro-rusa. Daquela, no Dombás, deu voz a todos e todas as que quixeron falar da situación. Todo este problema pode vir de aí, o seu compañeiro, Juan Teixeira, sabe ben que a partir da guerra do Dombás foi cando apareceu nalgunhas listas como informador pro-ruso. A nosa idea é que todo vén de aí, de aportar unha visión que non interesa.

-El colaboraba con medios españois, tamén colaboraba con medios rusos ou ucraínos?
Sei que colaboraba con Voice of America, Deustche Welle e con medios de comunicación de Latinoamérica facéndolles directos. Se traballaba para medios rusos ou ucraínos, non sei.

-Por todo o dito até o de agora, Ucraína puido influír na súa detención de maneira directa ou indirecta?
Sobre a detención en Polonia, non sei. Cando el estivo en Ucraína antes da guerra, fixo directos para La Sexta, a comezos de febreiro. Nese momento si tiveron un incidente diplomático con Ucraína. Ían facer un directo para La Sexta perto do Dombás mais non nese territorio. Estaban dando información sobre a situación pre-bélica nese país. Detrás deles había un grupo de militares que deberon ver algo sospeitoso en ver como dous periodistas, un falando e outro cunha cámara, os estivesen enfocando durante varias horas, pois tiveron que esperar horas até a entrada do directo. Pedíronlles os pasaportes, requisáronlles os móbiles e aí, cando viron os pasaportes, descubriron que nacera en Rusia. Foi chamado desde as oficinas do servizo secreto ucraíno para presentarse alí onde estivo retido por catro horas, copiáronlle as tarxetas do móbil e todos os dispositivos electrónicos de traballo e os pasaportes. Despois disto, convidárono a irse de Ucraína, consideraban que era un informador pro-ruso e convidárono a irse do país. Pablo foi falar co embaixador de España quen lle dixo que non había ningún caso contra el, o dito polos ucraínos era unha petición verbal e informal e el debía valorar que facer. Realmente non había causa contra del e ao final quedou.

O feito de constar no seu pasaporte e no seu DNI como lugar de nacemento Moscú, tamén o feito de falar ruso e ter dobre nacionalidade, española e rusa, puido ser a causa do erro

-Desde cando non o ves ou cando foi o último contacto persoal con Pablo?
Non o vexo fisicamente desde o 16 de xuño.

-Cal foi a impresión no momento de velo?
Só nos autorizaron dúas visitas. Unha foi o 21 de novembro do ano 2022 e a última o 16 de xuño deste ano. Desde a primeira visita até a segunda vino con moito desacougo. Contoume: “todos os días me din estupideces”. Por exemplo, el leva unha tatuaxe cunha frecha feminista que lla fixeron nunhas manifestacións feministas en Varsovia que el estivera cubrindo. Por esa tatuaxe dicíalle que era unha evidencia, esas eran as “estupideces” das que falaba. “A ese nivel de investigación están e aínda así levo xa ano e medio preso sen ver os meus fillos”. Eu non o vin derrotado mais si afundido.

-Como son as condicións da cadea onde o teñen preso?
A cadea chámase Radom e os presos pechados no seu módulo están catalogados como perigosos. O módulo é de máxima seguridade dentro da propia cadea, un edificio moi pequeno cun valado arredor. Non compartillan espazos comúns cos demais presos, non saen das celas, están dentro 23 horas, só poden saír unha hora por día a un espazo moi reducido e con muros altos que non lles deixan ver o exterior e no teito teñen aramios. Non ten contacto con outros presos nin acceso a espazos comúns. As celas son moi reducidas, non hai luz natural, hai un oco que filtra luz mais non poden ver o exterior. Ademais, sempre que sae ao exterior faino con grillóns nas mans. Revisábano cada vez que saía, fanlles rexistros exhaustivos e sobre a alimentación, pois é escasa, que debido á guerra baixou en cantidade e calidade. Perdeu vinte kilos nos primeiros meses, algo recuperou, mais segue estando moi delgado. De saúde non está mal, intenta facer exercicio, complementa a súa alimentación co diñeiro que lle enviamos. Así tenta facer pedidos ao almacén e pode complementar a dieta de base que é moi pouca.

-Non podedes contactar con el diariamente por Internet?
Non, non ten internet, non ten móbil e non nos permiten falar con el por ningún medio. As chamadas por teléfono non foron permitidas, cousa que estamos a reivindicar, pois leva vinte e dous meses sen falar cos fillos.

-Como lle chega o diñeiro? Non o teñen tamén controlado?
Si, mais é algo moi normalizado. Teñen unha conta na cadea onde podes enviar diñeiro. Logo supoño que lle reterán algo ou terano controlado, mais iso parece que funciona con normalidade. 

Só nos autorizaron dúas visitas. Unha foi o 21 de novembro do ano 2022 e a última o 16 de xuño deste ano

-Quen vos está transmitindo apoio nestes momentos?
As asociacións de periodistas si manifestaron o seu apoio, mais institucionalmente non estamos recibindo ningún apoio. Goberno autonómicos ou concellos teñen aprobado mocións esixindo a defensa dos seus dereitos e esixindo a súa liberación. Máis alá diso, non temos recibido ningunha axuda institucional. En Madrid está o “Grupo de Apoyo a Pablo González” que xa ten enviado oito solicitudes para reunirse co ministro de Asuntos Exteriores, mais foron denegadas. Si que me contacou o Defensor del Pueblo hai dúas semanas ou tres, mais esta insitución tampouco pode facer moito. O que si ten Pablo é asistencia consular, o mínimo obrigatorio para todos e todas as cidadás españolas, máis aló nada. A asistencia consular son visitas do cónsul a Pablo, logo infórmame delas, que tenga atención médica si la necesita, que a alimentación sexa decente e que basicamente, estea vivo. Aínda así, cando solicitou asistencia médica recibiuna logo de catro meses.

-Cal era o motivo para solicitar asistencia médica?
Tivo un problema na pel e logo tivo COVID-19.

-En xullo deste ano houbo un encontro en Bruxelas, 'Journalism is not a crime', cales foron os resultados deste encontro en relación co caso de Pablo?
O principal obxectivo da visita a Bruxelas foi dar a coñecer o caso e denunciar a vulneración de dereitos. Finalmente conseguimos que nos escoitaran os e as eurodeputadas que asistiron á rolda de prensa. Esta xente descoñecía o caso e quedaron soprendidos polo feito de ser tan pouco canto pedimos, dereito a visitas ou chamadas coa familia, e que non se teña feito nada. Por tanto, o obxectivo de escoitárennos cumpriuse, por parte dos e das eurodeputadas asumiron unha serie de compromisos, un deles solicitar visitas á cadea onde está Pablo. Comprometéronse a levar accións, non sei que fan agora mesmo, mais unha das eurodeputadas preguntoulle ao comisario de Xustiza da UE. O comisario xa declarou que está recollido na normativa europea que un preso cumpra a prisión preventiva no seu país de orixe antes do xuízo. Isto non é de obrigado cumprimento aínda que é posible.

-Un posible cambio de goberno en Polonia cres que podería axudar polo menos a relaxar as medidas de confinamento de Pablo?
Pode axudar a desbloquear a súa situación despois de dous anos de cadea preventiva esperando polo xuízo, e nin sequera hai data para o xuízo. Na maioría dos países da UE a prisión preventiva ten un límite de dous anos salvo casos moi excepcionais. En Polonia non existe ese límite, pode estar así até que cansen. Un cambio de goberno podería mellorar a súa situación pois se houbese un novo goberno sería máis europeo, ou iso conta. Todo canto sexa unha volta a valores europeos acabaría beneficiándoo si ou si, pois iso é o que pedimos, axustar a súa situación ao dereito europeo ao cal debera estar axustado o de Polonia por estar dentro da UE, mais como vai ao seu xeito, está como está. Daquela, se son tan pro-europeos como din deberían caer na conta que esta persoa leva aquí dous anos en prisión preventiva, non hai cargos e non presentaron probas. Por iso dicimos: presenten cargos, presenten probas e poñan unha data para o xuízo. Senón, que saía en liberdade condicional, a ser posible estando ao pé da súa familia, ou de facelo en Polonia, facelo baixo mellores condicións, que poida ter visitas e falar cos seus fillos.

Esperamos que o caso de Pablo González se coñeza máis e apelar aos xornalistas tamén, pois é un caso de falta de respecto á profesión

-Na túa intervención no Clube de Internacional de Prensa de Santiago, presentaches a situación de Pablo, mais houbo algunha novidade?
Basicamente insistín na situación de Pablo, ofrecendo unha descrición moi semellante á que relatei. Fun a primeira relatora, mais non sei que contaron o compañeiro de Pablo, Juan Teixeira, e Paco Audije. Mais Juan Teixeira falaría de Pablo como compañeiro de profesión, coñecéronse no máster multimedia e foron xuntos ao Dombás. Paco Audije é posible que falase sobre a situación precaria do xornalismo hoxe en día. Porén, esperamos que o caso de Pablo González se coñeza máis e apelar aos xornalistas tamén, pois é un caso de falta de respecto á profesión.

-Ser xornalista freelance, non ter un medio fixo ou de certo peso, puido influír no seu encarceramento?
Creo que non ser adscrito a ningún medio en concreto, a pesar de que algúns para os que traballaba teñen unha liña editorial máis progresista e outros dos que descoñezo a súa liña, todo iso foi como o elemento acusador. Non estar na nómina de ningún medio de comunicación, sobre todo un grande, colocouno nun estado de indefensión. Se fose ao revés é probable que houbese outro tipo de resposta.

-Sempre foi freelance, nunca tivo un medio en concreto detrás?
Non sei como é a situación dos medios hoxe en día. Case que obrigan aos xornalistas seren autónomos. El tocou moitas portas despois de facer o máster e non lle foi doado encontrar traballo. Se fose xornalista deportivo ao mellor tería sido máis fácil que o contratasen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta