Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2023 | Actualizada ás 11:29
A XXI edición do Festival de Cans celebrarase entre o martes 21 e o sábado 25 de maio de 2024, segundo comunicou a organización este mércores. Así o decidiu a asemblea da Asociación Cultural Arela, entidade organizadora do festival desde a súa primeira edición, celebrada en 2004. O certame regresa ás súas datas naturais na cuarta semana de maio, coincidindo coas datas do Festival de Cannes francés, despois de que o pasado ano tivese lugar na terceira semana do mes, coa semana das Letras Galegas.
Apuntan tamén que o festival xa comunicou as datas aos veciños que prestan as súas casas e colaboran co festival, así como ás institucións, patrocinadores e empresas locais que apoian o certame. Así mesmo, lembran que o festival de Cans foi elixido en 2022 como unha "das grandes referencias culturais de Galicia", segundo o estudo promovido pola Fundación Contemporánea, "referente dos estudos culturais en España", e recibiu recentemente o Premio CREA á súa traxectoria, outorgado pola asociación homónima que reúne a case 200 directores de cinema de toda Galicia.
Por último, avanzan que xa traballan en reunións con institucións e na procura de patrocinios para a nova edición. Nos próximos días o certame anunciará a apertura da súa convocatoria para recibir obras que desexen participar na nova edición do festival.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.