Polémica entre Rueda e Sandra Ortega: "Ela toma as decisións na súa fundación e nós na Xunta"

Tras pedir a filla de Amancio Ortega máis atención a maiores tutelados, o presidente galego destaca o esforzo realizado pola Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2023 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o esforzo do Goberno galego en "todo o que ten que ver co coidado" das persoas maiores. "Estamos a facer un esforzo moi importante e seguirémolo facendo", dixo. En todo caso, convidou á Sandra Ortega a "tomar as decisións" na súa fundación --Paideia--, porque a Xunta xa toma as súas decisións nas súas áreas de competencia.

O máximo mandatario autonómico pronunciouse deste xeito ao ser preguntado na rolda de prensa posterior á reunión do Consello pola demanda da Fundación Paideia, que dirixe a filla de Amancio Ortega, de máis recursos humanos e mellora da coordinación para a atención a adultos tutelados ao considerar que a falta de persoal está a implicar "unha desatención importante a persoas moi vulnerables".

Respecto diso, Rueda asegurou respectar todas as achegas e suxestións realizadas polas asociacións, "estea ou non a favor" delas, e sostivo que a Xunta fai "un esforzo moi importante", que seguirá facendo "en todo o que ten que ver co coidado de maiores, tamén en relación á Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga) á que se refire Paideia.

"Respectando todas as suxestións, igual que seguro que a máxima responsable vai tomar as decisións na súa fundación en función do que estime oportuno, eu pódolle asegurar que a Xunta de Galicia vai facer o mesmo", manifestou.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello | Fonte: DAVID CABEZON

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta