A conciliación, beneficio exclusivo só para aquelas mulleres con fillos?

Bárbara Román, avogada e autónoma, CEO de Nolegaltech, asegura que "eu non teño fillos, pero quero conciliar comigo mesma". Así o contou no simposio 'As nosas', organizado pola Feuga en Santiago este venres.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/12/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cando se fala de fillos no ámbito laboral, a primeira palabra que se nos vén á cabeza é 'conciliación'. Ter un fillo cando es muller e traballadora, é dicir, na maioría dos supostos na sociedade actual, non é doado e, aínda que cada vez as empresas se amosan máis flexibles e concienciadas co tema (tamén grazas á chegada de máis mulleres aos postos directivos), o certo é que tamén hai moitos casos nos que un embarazo pode rematar en despido. Por desgraza, semella que a muller, cando está ao redor dos 30 anos, non é unha boa candidata para contratar, pois non vaia a ser que quede embarazada e se colla o permiso de maternidade (o de paternidade nin se contempla). Conciliar cando as mulleres teñen fillos, como vemos, non é doado, como se tivesen que escoller entre familia ou traballo. Pero tamén hai moitas outras mulleres que, aínda sen ter fillos, teñen moitas cousas que conciliar: dende o coidado dos pais, o paseo do can ou simplemente unha clase de ioga. Que máis da o motivo? O importante é que, como cidadáns traballadores, todos e todas deberiamos ter o dereito a 'conciliar' o noso plano laboral co noso ámbito privado.

Programa de conciliación das familias antes da volta ás clases
Programa de conciliación das familias antes da volta ás clases | Fonte: XUNTA DE GALICIA - Arquivo

Desta opinión é Bárbara Román, avogada e autónoma, CEO de Nolegaltech, que no simposio 'As nosas', organizado pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) este venres en Santiago, conta a súa experiencia no ámbito da conciliación. "Eu son emprendedora, autónoma e nunca traballei en empresas públicas", asegura. Dende o seu punto de vista, "conciliar ten moito que ver comigo mesma e coa miña autopercepción". Aínda non ten fillos, pero si que nun futuro lle gustaría adoptar e "o meu desafía no mundo emprendedor como muller é quedarme nel e non marchar, aínda que a vida probablemente fose máis sinxela dende outros camiños". A súa familia é emigrante, procedentes de Cuba e chegados a Galicia. Dentro dela, Bárbara é a primeira que goza de estudos universitarios. E, como conta, "na miña familia educáronme ao estilo da educación americana: tes que loitas polo que queiras, podes conseguir todo o que te propoñas...; a diferenza da educación que vexo aquí, con xente máis educada nos valores de familia, de terra, de que as mulleres deben estar na casa". "O meu é matriarcado puro e duro", chancea a avogada.

Esta emprendedora, aínda que non ten fillos, si tivo unha nai enferma durante cinco anos, ten un can, un marido co que acaba de voltar da súa lúa de mel e un sobriño de cinco anos. Todo isto para conciliar co traballo. "O desafío sempre foi non perder o foco que está en min", asegura, explicando que "a miña filosofía sempre foi: eu traballo no meu tempo libre". Como pode entenderse isto? Pois Bárbara cóntao así: "Eu axendo primeiro o que teño que facer na miña vida como persoa, e logo xa miro o tempo que me queda para o traballo". Ademais, apunta que pasou moito tempo en contacto coa cultura alemana cando estivo a traballar no país e iso significa que "cando eu teño que facer tres cousas, teño que facer tres cousas, non cinco". É dicir, "se teño clase de ioga, pasear á cadela e teño para traballar de 12 a 15 horas porque despois entra o meu sobriño berreando pola porta, traballo esas tres horas, non me serve quedarse ata as catro".

Neste senso, considera que "este é o desafío ao que nos enfrontamos as mulleres que loitamos pola conciliación persoal, pois sempre que se fala de conciliación vincúlase aos rapaces, e eu só quero conciliar comigo mesma". Por iso, Bárbara asegura que "pelexei porque os meus proxectos empresariais sexan así", porque, ironiza: "Eu non quero un unicornio, quero un poni que me leve dun lado a outro, non quero ter unha grande empresa, quero pagar a hipoteca, as viaxes, o penso da miña cadela (en verdade doulle pechuga de polo) e ir ao parque co meu sobriño e se quere barquillos poder darlle un euro para que os merque". Agora mesmo esa é a súa situación actual: "Levantarme pola mañá e dicir: o que quero hoxe é isto, e poder facelo". Como exemplo, conta o seu xoves: "fun a ioga, logo ás termas do Prexegueiro co meu marido ao que o luns lle chegou unha carta de despido e de catro a oito púxenme a traballar e tiven dúas reunións, para salir despois á noite a tomar unhas cañas cos meus amigos e collerme o venres libre para asistir a este simposio".

"NON TEÑO FILLOS, PERO TEÑO CADELA OU QUERO BOTAR A SIESTA"

Bárbara Román, CEO de Nolegaltech
Bárbara Román, CEO de Nolegaltech | Fonte: Nolegaltech

Se Bárbara traballase nunha empresa, probablemente lle resultaría moito máis complicado ter este tempo, pois, ademais, sendo unha muller sen fillos, presupoñeríase que debería traballar máis para que outras compañeiras puidesen saír antes a recollelos ao colexio, por exemplo, é dicir, para 'conciliar'. Dende este punto de vista, a emprendedora asegura que "eu sempre apoiei e facilitei todo o posible a vida, en canto a horarios, das mulleres con fillos, pero ás veces tes esa espiña aí de que como unha compañeira sae antes entón ti quedas porque non tes fillos". "Non teño fillos, pero teño ioga, teño cadela ou simplemente porque tamén quero saír ás tres de traballar", reivindica, reafirmando que "o tema da conciliación non ten por que estar estrictamente vinculado aos fillos, e cando rompes unha lanza a favor dos fillos, semella que perxudicas ao can, ao ioga ou ás ganas de botarte unha sesta". 

De feito, dende a súa experiencia, cando a súa nai estivo enferma, foi moito máis fácil pospoñer citas. "A min resultoume moito máis fácil explicarlle aos clientes que tiña que deixar de facer certas cousas porque á miña nai con ELA quedábanlle tres meses de vida e non quería perder o tempo, todos o entendían e amosaban unha comprensión absoluta; que cando lles digo que teño que quedarme a coidar do meu sobriño porque miña irmá ten que ir a traballar, e entón xa cambian o descurso e din que lles parece pouco profesional pola miña parte", conta Bárbara. A súa resposta ante isto? "Se ti cres que a miña valía profesional é menos por iso, non estamos no mesmo plano, así que se queres reunirte antes das 15 horas ben, e, se non, tes moitos outros avogados por aí". A resposta do cliente? "Quixo reunirse antes das 15 horas", amósase satisfeita a avogada.

Ademais, como irmá dunha muller que tivo un fillo, tamén coñece moi ben a outra realidade, a da conciliación laboral para as nais. "Debemos aspirar a que o embarazo non sexa problema, pero coñezo xente moi preto de min, como é a miña irmá, que tan pronto como quedou embarazada, despedírona", recorda. E o que lle dixo foi que tiña que demandar, "non só por ela, senón polo resto de mulleres ás que lle pode pasar o mesmo". "Eu creo que hoxe en día non debería ser un problema no contexto empresarial embarazarse, ter fillos ou adoptar, pero a realidade é que si o é", lamenta Bárbara. Como solucionalo? Aínda que é difícil, aposta por "estar no día a día, comunicar estas cuestións con antelación ás empresas e ser moi conscientes de cal é o camiño que nós queremos seguir". Así, ante os casos das mulleres que comunican os embarazos e teñen represalias profesionais ilegais, considera que "non serve só con ter un sistema legal que as protexa, senón que precisan tamén dun entorno persoal que as apoie".

O CONTRASTE: CONCILIACIÓN NO SECTOR PÚBLICO VS. NO PRIVADO

No mesmo simposio participaron outras dúas mulleres, nunha mesa redonda con Bárbara, que si tiñan fillos e contaban as súas experiencias de conciliación en primeira persoa. Dun lado estaba Mar Rodríguez, CEO de NORNNA e nai de tres fillos, que explicaba que estivo moitos anos traballando para o sector público, e "estar no ámbito da administración pública facilitoume moitos as cousas, pois para min o traballo sempre foi algo importante e ao que non ía renunciar". Sen embargo, tempo despois entrou nunha empresa tecnolóxica, e aí confesa que "as cousas cambiaron e complicáronse máis". Por que? Na súa opinión, "no ámbito tecnolóxico o 35 % das capas máis baixas estaba ocupado por rapazas, ao achegarse aos postos de dirección, por contra, a porcentaxe de mulleres non chegaba nin ao 1 %". Noutas palabras, os homes non podían entender o que era estar embarazada ou ter fillos que coidar, pois, para iso, estaban as mulleres. 

Pola súa banda, Cristina Vázquez, socia, directora de operacións de Teimas e nai de dous nenos, de catro e seis anos, conta a parte positiva de saber escoller. "No meu caso teño moita sorte coa xente da que me rodeo", explica, pois "cando eu e o meu marido construímos o noso proxecto de vida familiar foi el quen deixou o seu traballo para poder coidar dos nenos como queriamos". Ademais, "tiramos moito dos abuelos". Con todo, ante esta situación, Cristina tamén recibiu críticas: "Moita xente preguntaba que como facía para deixar aos nenos solos e irme por aí, pero cando eu miro para atrás sei que non están solos, que están ben atendido, e estou moi tranquila". Neste senso, cre que "flaco favor lle facemos aos fillos dándolles un exemplo que a min non me gustaría que eles continuasen", é dicir, sacrificar o traballo polos fillos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta