Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2023 | Actualizada ás 16:34
A Cámara autonómica aprobou por unanimidade dos grupos un paquete de reclamacións ao Estado para modernizar a rede ferroviaria galega comezando pola posta en funcionamento dos trens Avril prometidos para estender a liña de alta velocidade ao resto de cidades galegas.
A lista de reclamacións está composta finalmente por dez puntos despois de que o grupo propositor, o PP, aceptase incluír unha emenda do BNG que engade ás orixinal peticións para a liña Ribadeo-Ferrol, Ourense-Ponferrada, Vigo-Ourense polo Miño ou Lugo-A Coruña. Así, as demandas feitas súas polo Lexislativo autonómico van desde a chegada dun mínimo de sete tres Avril á execución das variantes de Vos Peares, Rubián ou o bay-pass de Betanzos.
A conexión do AVE con Portugal co desenvolvemento do saída Sur de Vigo e o reforzo dos servizos convenciales a través da modernización de trens, instalacións e equipos rodantes ou a recuperación das frecuencias suprimidas na pandemia son outras das reivindicacións do tres grupos políticos que ocupan o arco parlamentario en Galicia.
AUTOVÍAS EN SOMBRA
Tras a sesión de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a sesión plenaria no Pazo do Hórreo continuou co bloque de proposicións non de lei co debate dun texto do BNG que pretendía solicitar o apoio do Lexislativo a demandar á Xunta a revisión dos acordos económicos coas concesionarias das autovías do Salnés, Barbanza e Celanova polas denominadas peaxes en sombra.
O deputado do BNG, Luis Bará, puxo o foco nas "labazadas" que recibe a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a través de "sentenzas xudiciais" e "demoledores informes" como o do Consello de Contas que cuestiona os modelos destas autovías autonómicas fan que a Xunta abone 44 millóns de euros de máis ás empresas concesionarias.
Na súa resposta, de novo o encargado de defender a postura do PP foi o deputado José Manuel Balseiro centrou a súa intervención na relación de BNG e PSOE e, en concreto, os pactos de investidura nas dúas últimas lexislaturas que incluían cuestións en materia de infraestruturas viarias. Balseiro acusou a nacionalistas e socialistas de ser os "campións no uso e abuso da construción" de autovías de "prazo aprazado" e que así o sinalaba o Consello de Contas, o que foi respondido por Bará na quenda de peche cualificándoo de "mentira" porque o informe do organismo fiscalizador apuntaba aos cambios introducidos vía lei de acompañamento aos orzamentos como responsable destes sobrecustos nos concertos.
Polo PSdeG tamén foi a encargada de defender a postura do seu grupo a deputada Patricia Otero, que incidiu no cambio introducido pola Xunta "pola porta de atrás" tiña "a única intención de beneficiar á adxudicataria".
PLAN DE TRANSPORTE
Así mesmo, a maioría absoluta do PP tamén tombou outra iniciativa do BNG que foi defendida na sesión vespertina do luns polo seu deputado Paulo Ríos na que se reclamaba o recoñecemento da Xunta do seu "fracaso" co plan de transporte por estrada de Galicia.
No debate, os grupos da oposición (BNG e PSdeG) apelaron a que a Xunta de Galicia "recoñeza o fracaso" do seu plan de transporte por estrada ante os "problemas" nos servizos e o "vendaval xudicial" que, din, provocou o sistema.
As críticas ao modelo de transporte público por estrada da Administración autonómica foron explicitadas pola oposición durante o debate dunha proposición non de lei presentada polo BNG na sesión plenaria do Parlamento galego celebrada este luns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.