Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2023 | Actualizada ás 17:54
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitaron este sábado a aldea do Castiñeiro, onde coñeceron da man do seu fundador, Juan Carlos Pérez, o proxecto Aldealista, nacido nesta localidade, como exemplo de innovación recoñecido pola Xunta.
Coa súa visita, segundo destacou a Xunta nunha nota de prensa, os representantes autonómicos quixeron pór en valor esta iniciativa que avoga por revitalizar as aldeas e utiliza unha aplicación móbil que pon en contacto particulares con estas localidades de menos de 5.000 habitantes, para que poidan coñecelas e, nun futuro, de ser o caso, desenvolver o seu proxecto vital nestas zonas. En paralelo contribúese ao seu desenvolvemento dixital e económico.
Na mesma liña, o Goberno galego lembrou o potencial de crecemento das contornas rurais, "a través do despregamento da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta na actualidade con doce centros activos", tres deles na provincia de Ourense (Verín, O Barco de Valdeorras e O Carballiño) aos que se sumará en breve un cuarto que estará situado en Baños de Molgas. A iniciativa, lembrou Rivo, espertou o interese da Comisión Europea como modelo a replicar noutros países da Unión.
Ademais, tamén sinalou que quere dar cabida na comunidade a nómades dixitais ou profesionais en remoto a través de espazos co-living, que engaden aos servizos de coworking a posibilidade de residir nestes lugares de maneira temporal. O obxectivo desta iniciativa, explicou a conselleira, é seguir dinamizando o rural galego, xerando actividade económica dun modo sustentable.
No ámbito do turismo, Xosé Merelles destacou a importancia desta iniciativa para pór en valor o potencial turístico do rural galego. E facelo, ademais, da man da innovación, un aspecto, dixo, "moi aliñado co traballo levado a cabo desde Turismo de Galicia e da man das nosas estratexias de traballo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.