Colectivos ecoloxistas rexeitan a execución da A-57 en Pontevedra polo "grave prexuízo ambiental e social"

"Non pedimos un cambio de trazado, pedimos que se descarte por completo a autovía ", manifestaron.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2023 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

As organizacións ecoloxistas Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e Amigas da Terra, expresaron conxuntamente o seu rexeitamento á construción da autovía A-57 en Pontevedra e alertaron do "grave prexuízo ambiental e social" que causará a continuación da construción desta "innecesaria" infraestrutura. "Non pedimos un cambio de trazado, pedimos que se descarte por completo a autovía A-57", manifestaron.

Nunha rolda de prensa celebrada este xoves en Pontevedra, estes colectivos mostraron o seu respaldo á Plataforma de Afectados pola A-57 nas parroquias de Bora e Xeve para "frear a desfeita ecolóxica e social que causarán estas obras". Este segundo tramo da coñecida como circunvalación de Pontevedra, entre a Ermida e Pilarteiros, sumou máis de 60.000 alegacións.

Manoel Santos, portavoz de Greenpeace, sinalou que "a construción da A-57 é incongruente coas novas políticas de mobilidade que temos que implementar para abordar a emerxencia climática" e engadiu que "non se necesitan máis infraestruturas para seguir queimando combustibles fósiles con milleiros de vehículos privados". Para Greenpeace "este enorme investimento debería dirixirse ao transporte público, por exemplo a trens de proximidade, que si serían unha alternativa viable e ecolóxica a esta autovía e tamén á AP-9 que din que pretende complementar".

Este tres organizacións tamén destacaron que a construción da autovía vai "arrasar" con máis de seis mil metros cadrados de zona protexida pola Rede Natura, afectando especialmente á flora e fauna dos hábitats que conforman este tramo do río Lérez.

Cristóbal López, portavoz de Ecoloxistas en Acción lembrou que "en Galicia non imos sobrados de superficie protexida, polo que a afección é máis grave aínda", xa que a Comunidade Autónoma só ten un 12 % de zona protexida pola Rede Natura, o que a sitúa "á cola do Estado neste ámbito".

Adriana Echeverría, portavoz de Amigas da Terra, manifestou que con esta infraestrutura "Pontevedra só cambiará o atasco de sitio, incrementando como dano colateral o seu tráfico perimetral e o castigo ao rural". Tamén destacou que "Pontevedra non é unha illa climática e aos gases de efecto invernadoiro, que é o que temos a urxencia de eliminar, non lles importa emitirse no centro ou na periferia".

Por parte da Plataforma de Afectados pola A-57 en Bora e Xeve, falaron Mari Carmen Tenorio, Ronsel Eirín e Gonzalo Arís, que explicaron que a propia avaliación do Ministerio sinala que a construción e explotación da autovía afectará por centos vivendas con niveis de ruído por riba do permitido, e unha ducia de casas serán derrubadas. Ao mesmo tempo, os veciños e familias veranse afastados uns doutros pola "enorme trincheira" que creará a construción desta infraestrutura. Os veciños afectados piden á políticos "sensibilidade" ambiental e "empatía" coa poboación do rural para frear este proxecto.

Obras da A-57 en Pontevedra.. ECOLOXISTAS EN ACCIÓN
Obras da A-57 en Pontevedra.. ECOLOXISTAS EN ACCIÓN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta