O Parlamento galego pide por cuarta vez a transferencia da AP-9, de novo por unanimidade

O PP saca adiante sen votos en contra a lei de calidade alimentaria, que crea un certificado sustentable

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 19/12/2023 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

Por cuarta ocasión no últimos sete anos, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade un texto lexislativo para a súa remisión ao Congreso co obxectivo de que o Estado traspase a titularidade da AP-9 á Xunta. O cuarto intento, esta vez promovido polo PP, para lograr a transferencia da xestión da Autoestrada do Atlántico recibiu luz verde no Pazo do Hórreo este martes no pleno da Cámara galega, o último de 2023.

E de novo, como nas tres ocasiones ocasións, volveu a ser aprobada por unanimidade dos grupos, que, no entanto, cruzaron reproches nun debate no que se botaron en cara que o consenso plasmado ao redor desta demanda desde 2016 non frutificase a día de hoxe polo fracaso das leis na súa tramitación nas Cortes xerais.

Así, os populares responsabilizan aos socialistas de provocar coa "complicidade do seu socio o BNG" que o último intento lexislativo non chegase culminar o seu camiño en comisión, mentres que os grupos da oposición (BNG e PSdeG) reprochan ao PP que "vetase" a toma en consideración das dúas primeiras leis cando gozaba de maiorías no Congreso.

Con todo, a demanda para que a xestión da autoestrada que vertebra a fachada atlántica galega volve saír do Pazo do Hórreo rumbo a Madrid, onde chegará de novo cunha serie de demandas en materia económica ao Estado como principais novidades. Entre esta figura unha mención a que será a Administración do Estado quen asuma as posibles consecuencias económicas que deriven dunha hipotética anulación da prórroga da concesión a Audasa ata 2028, asunto que está en estudo pola xustiza europea por unha posible infracción da normativa comunitaria en materia de competencia.

Esta cuestión foi incorporada durante o proceso de tramitación na Cámara galega a través dunha emenda do BNG que foi aceptada para a súa inclusión no ditame final polo PP. Esta foi a única achega ao texto orixinal presentado polos populares, que engadiron unha serie de obrigacións a facer fronte por parte do Estado en asuntos como a extensión das bonificacións das peaxes ou a execución de obras de remodelación ou ampliación da infraestrutura.

Retencións na AP-9 nunha imaxe de arquivo
Retencións na AP-9 nunha imaxe de arquivo | Fonte: EP

LEI DE CALIDADE ALIMENTARIA

Por outra banda, o PPdeG sacou adiante só cos seus votos a favor, coa abstención da oposición, a lei de calidade alimentaria no último pleno do ano --poida que non haxa máis na lexislatura en función da data de convocatoria electoral--. Esta norma actualiza unha norma de 2005 e suporá que Galicia sexa a primeira comunidade en crear de forma "pioneira" un certificado de sustentabilidade.

En cambio, Martín Seco (PSdeG) reduciu esta lei a "propaganda electoral" e Xosé Luís Rivas, Mini (BNG), tachouna de "chamusquina". Ambos coincidiron en criticar o proceso acelerado de tramitación para a súa aprobación, que o deputado socialista cualificou de "auténtico desastre".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta